O PP denuncia «a covardía dos 3 alcaldes» co Pleno Extraordinario do IBI

O concello de Poio comunicou este mércores a mediodía a data e hora definitivas do Pleno Extraordinario solicitado polo PP de Poio para evitar a subida do IBI dos 3 alcaldes.

Pese a que o PP instou a Luciano Sobral, tanto no escrito de solicitude do Pleno como publicamente nos medios de comunicación, a celebrar o pleno pola tarde, nun horario no que puidesen asistir o máximo número de afectados, finalmente o Pleno celebrarase ás 9:15 do próximo martes día 14 por vontade do goberno local.

Para o voceiro popular, Ángel Moldes, esta decisión «confirma a covardía dos 3 alcaldes» e a súa «total falta de transparencia» xa que en xuño pasado aprobaron esta subida «de espaldas á veciñanza, ocultándollo á oposición, e sen pasar por unha comisión ou por un pleno» e agora tampouco queren que se debata en presenza de veciños: «É esta a transparencia e a rexeneración democrática e a participación veciñal que traían no seu pacto de goberno?».

Notificación da Convocatoria do Pleno
Notificación da Convocatoria do Pleno ás 9:15 do 14 de xaneiro

Moldes reprochou a falta de respecto aos veciños que conleva esta decisión: «Non pode ser que os plenos ordinarios se celebren ás 19:30 horas, como establece o Regulamento Municipal, e á hora de celebrar un pleno monográfico sobre un asunto da máxima importancia para os veciños se poña ás 9:15h cando ademais se lle pediu expresamente que se fixese a unha hora razoable na que poidesen ir as persoas ás que lles van subir a contribución».

Para Moldes, «chove sobre mollado», xa que desde o comezo deste mandato, os 3 alcaldes pediron “voluntariamente e sen dicir nada aos veciños nin á primeira forza política do concello” a actualización catastral que implicará unha suba do IBI e as Plusvalías, déronse a si mesmos un aumento de soldo do 15%, e seguen cobrando algúns dos impostos e taxas máis altos de Galicia.

O voceiro popular destacou ademais que, a diferenza dos outros 21 concellos de toda Galicia que solicitaron esta actualización, Poio ten a ponencia de valores máis recente, do ano 2003, e ademais miles de veciños xa sufriron unha revisión en 2018, «e non contentos con iso, agora súbenlle o IBI e outros impostos a todos os veciños».

Ademais, Moldes lamentou que a decisión é un golpe máis á transparencia por parte de BNG, PSOE e Avante Poio que cando asinaron o “pacto de perdedores” hai a penas 6 meses dixeron que ían traer a participación e a rexeneración e todo o contrario, están a facer o goberno máis escuro da historia: «Firman decretos ilegais para ocultar documentación, seguen sen cumprir a gravación dos plenos, cortan á oposición o acceso telemático aos expedientes, e agora fan un pleno para que non poidan ir os propios afectados. Ademais de opacos, covardes».

Os 3 Alcaldes

Moldes advertiu que os veciños de Poio non van tolerar esta actitude prepotente por parte dun goberno «que non foi o que se escolleu nas urnas» e lamentou particularmente a hipocrisía de Silvia Díaz, que teoricamente ía traer a rexeneración a Poio e só está contribuindo a empeorar as peores prácticas do anterior Bipartito: «subir os impostos, aprobar máis soldos de Alcaldes, contratar máis asesores, ter máis dedicacións exclusivas e dar menos servizos para os veciños e veciñas de Poio e todo, co goberno menos transparente da historia e sen respectar os dereitos da oposición nin dos propios veciños».

«Se pensan que a veciñanza vai aguantar a prepotencia, os abusos e o espolio fiscal dos 3 alcaldes moito tempo, están moi equivocados»