
Dende o PP de Poio volven a denunciar, unha vez máis, o pesadelo que están a vivir os veciños da Caeira, onde onte unha nova rotura na rúa Illa de Ons deixou a centos de veciños sen auga e a outros sen presión, algo que se está convertendo en habitual, xa que no último ano levan máis de oitenta avarías.
O candidato á alcaldía, Ángel Moldes, denuncia o abandono que sofren os veciños da Caeira por parte do PSOE e BNG. “Ninguén entende que non fagan nada, rúas con tubaxes totalmente obsoletas de fibrocemento, fugas constantes, roturas e o máis sorprendente é un contrato coa empresa concesionaria da auga caducado dende hai anos e que na actualidade está coa última prórroga que legalmente permite o contrato”.
O PP de Poio comprométese a buscar unha solución definitiva ás avarías constantes na Caeira e Boavista licitando un novo contrato, no que a empresa que resulte adxudicataria teña a obriga de realizar investimentos que melloren o servizo.
“Non ten explicación nin xustificación o deixamento do tripartito, problemas en Combarro, A Caeira, San Xoán e no canto de axilizar os trámites para sacar o novo contrato e buscar solucións, PSOE e BNG dedícanse a realizar promesas cando levan 28 anos no goberno de Poio” declarou Moldes.