Ángel Moldes chama a unirse ao seu proxecto á gran maioría de veciños que quere un goberno mellor: “Vamos, Poio”

Cando quedan exactamente seis meses para as eleccións municipais de maio de 2023, o candidato do PP á alcaldía de Poio, Ángel Moldes, presentou esta maña as liñas mestras do seu proxecto e o que será o lema da campaña popular: “Vamos, Poio”.

“É un lema co que aspiramos a transmitir ilusión, unir en positivo e mobilizar a esa gran maioría de veciños que quere un mellor goberno para o noso concello e non desexa volver a ter tres alcaldes”, explicou Moldes.

O popular, que estreou en Lourido a imaxe que o acompañará ata os comicios, explicou algunhas claves do lema: “’Vamos Poio’,” está formado por nove letras que representan a maioría suficiente de nove concelleiros como mínimo cos que queremos gobernar a partir do próximo 28 de maio”.

Ademais, a frase “representa a alianza que ofrecemos a todos os veciños e as veciñas que queren un único goberno, unido e centrado en solucionar os problemas reais dos veciños de Poio”, resaltou Moldes, que destacou que “esa é a única coalición, o único pacto que queremos facer: un pacto cos veciños para traer o verdadeiro cambio e a renovación real ao concello”.

“Está claro que as próximas eleccións serán todos contra Ángel Moldes”, destacou o líder popular, “e iso pode verse na estratexia de alianzas e estranos compañeiros de viaxe doutros partidos. Non aspiran a gañar as eleccións, xa dan por descontado que non van ter a confianza maioritaria dos veciños, e o que están é nunha guerra para competir entre eles.”

“PSOE e BNG non aspiran a gañar as eleccións, senón a sacar un voto máis que os seus socios e agardar que ao PP nos falten uns poucos votos para poder gobernar”, recalcou Moldes, que indocu que “pretenden seguir gobernando Poio con tres alcaldes só que repartidos en dous partidos”.

Fronte a isto, destacou Moldes, “a única opción para o cambio real, para un goberno unido, estable e solvente que poida aplicar o seu programa desde o primeiro día é unir á gran maioría da veciñanza en torno ao único proxecto capaz de facelo, o do Partido Popular”.

Moldes recordou que o Partido Popular gañou as últimas oito eleccións que se celebraron no concello e nas eleccións de 2019 o PP foi o partido máis votado en todas as parroquias, por todos os veciños: “Só un pacto nos despachos dos tres partidos que perderon as eleccións impediu que o cambio político, a transparencia e a xestión chegaran ao concello”.

Iso deu lugar a que nestes catro anos en Poio houbera “tres alcaldes, con tres proxectos distintos, tres presupostos…”, lamentou Moldes: “Agora os veciños xa saben o que sucede cando gobernan tres: nada máis chegar aumentaron a débeda do concello ata os 9 millóns, subiron os impostos en plena pandemia e dedicáronse máis a intentar roubarse protagonismo entre eles que a escoitar aos veciños e atender os seus problemas”.

O popular lembrou ademais que as solucións aos problemas dos veciños non poden vir dos mesmos que foron incapaces de resolvelos durante 27 anos, nin desde logo é posible un goberno municipal solvente “onde o 90% dos nombres sexan os mesmos que os dos últimos Gobernos locais, os peores da historia de Poio”.

Por iso as eleccións de 2023 que afrontarán os veciños en 2023 “serán se por fin hai un alcalde e un goberno serio ou volvemos ter tres alcaldes con tres proxectos distintos”.

“Un só voto pode ser decisivo para conseguir a maioría necesaria e o cambio real”, subliñou Moldes, e por iso aspiramos a obter “o respaldo de todos e todas as veciñas”.

Moldes finalizou chamando a unir en torno ao seu proxecto á gran maioría de veciños que quere un Goberno mellor, indicando que “Só quedan seis meses para ter un goberno unido ao servizo da xente: Vamos, Poio”.