Ángel Moldes comprométese a construír un gran centro deportivo na Seca

O candidato á alcaldía de Poio, Ángel Moldes, presenta un dos seus proxectos estrela para este mandato, que xa hai catro anos tivo o respaldo de clubs, deportistas e veciños. Un complexo deportivo que contaría con tres edificacións, e que está pensado para desenvolver en conxunto ou en tres fases diferentes: remodelación e modernización do ximnasio actual coa adquisición de novos aparatos, a construción de unha piscina con dimensións adecuadas ás necesidades do concello –na actualidade máis de 400 veciños de Poio están inscritos en piscina fóra do concello- e a construción dun pavillón novo.

Moldes defende que Poio necesita unhas infraestruturas deportivas acordes ás necesidades do tecido deportivo, e subliña que conta cun equipo feminino de fútbol sala na primeira categoría e con posibilidades de gañar o título de liga e con centos de nenas e nenos nos equipo de base; un equipo de ximnasia rítmica que cada día ten máis integrantes e que necesita unha altura axeitada; un club de balonmán que segue crecendo e o kickboxing, con numerosos deportistas.

Ademais, destaca que este proxecto “é totalmente viable, responde ás necesidades dos clubs e dos veciños, e pode ser unha realidade”. Nesta liña, di que “esta proposta está moi traballada, e sabemos que o principal inconveniente que teñen as piscinas é o consumo de enerxía”, e por ese motivo pretenden asinar un convenio de colaboración con Pescamar para aproveitar os recursos sobrantes da fábrica para o quentamento da auga, algo que xa sucede en piscinas como a de Ponte Muíños en Pontevedra. “Queremos converter A Seca e A Reiboa nunha zona saudable de deporte e actividade ao aire libre, con varias pistas deportivas, tenis, pádel, un parque infantil con capacidade suficiente e remodelación de toda a zona. A Seca é o centro de Poio, unha zona moi concorrida, e temos que lograr que se converta nunha zona deportiva e saudable”.

O primeiro paso, adianta que sería a adaptación urbanística da zona, un trámite que podería estar solucionado xa, e recorda que hai tres anos que o PP de Poio presentou unha moción aprobada de xeito unánime por toda a corporación, “a aínda así, o Tripartito non fixo absolutamente nada”. Por iso, lamenta que “levamos catro anos perdidos”, ao recordar que o PP foi a forza máis votada en 2019, quedando só a uns votos da maioría absoluta, e que non puido desenvolver o seu proxecto para Poio porque “pactaron os tres partidos que perderon as eleccións”.

Por último, recorda que BNG e PSOE levan 28 anos facendo promesas de piscina e pavillón, “pero non fixeron nada. O noso compromiso é claro, e queremos que Poio avance”.