
O presidente do PP de Poio, Ángel Moldes, destacou a “ampla vitoria” do Partido Popular en Poio nas eleccións xerais do 23 de xullo. Á espera dunha valoración máis completa, que se realizará pola Xunta Directiva local nos próximos días, o líder popular destacou que, menos de dous meses despois da maioría absoluta obtida nas eleccións municipais, “os veciños de Poio volveron falar nas urnas e deixaron claro que queren un Goberno do PP”.
Moldes subliñou que o PP foi a forza máis votada en todas as mesas electorais, todos os colexios e todas as parroquias e aumentou o número e a porcentaxe de sufraxios en todo o territorio con respecto a 2019. Os populares obtiveron 4.880 votos e unha porcentaxe do 47,66%, o que significa unha suba de 1.884 votos e 14,06 puntos sobre as últimas eleccións xerais.
O líder popular explicou que o PP aumentou en apoios e porcentaxe en cada unha das 25 mesas repartidas por San Salvador, San Xoán, Combarro, Samieira e Raxó, sendo primeira forza en todas elas e superando amplamente ao resto de partidos: “Superamos en máis de 2.000 votos ao PSOE, segunda forza, e en máis de 4.000 votos á cuarta forza, o BNG.”. Así mesmo, outras opcións como Sumar -en comparación con En Marea- ou Vox caeron en apoios con respecto a 2019.
Este último dato, unido a que os populares acadaron máis votos que todas as forzas de esquerda xuntas, permite concluir que “os veciños de Poio dixeron nas urnas que queren a Alberto Núñez Feijóo como presidente e que o único partido capaz de unir aos veciños fronte a extremismo e o populismo é o PP”.
O líder popular agradeceu aos máis de 50 interventores e apoderados que dedicaron un día de xullo ao partido e a que os veciños de Poio puideran participar da festa da democracia, así como aos membros das mesas, aos traballadores municipais e a todos os que fixeron posible a xornada electoral, e concluiu: “Despois de dez vitorias electorais consecutivas e coa nosa forza nas urnas, nas institucións e na cidadanía podemos dicir con orgullo que o PP é o partido que mellor representa aos veciños de Poio”.