Ángel Moldes lamenta que o PSOE prometa en Poio o que vota en contra en Madrid

O presidente do PP de Poio, Ángel Moldes, lamentou a hipocrisía  O Partido Popular de Poio lamenta a hipocrisía do PSOE de Poio, que nestes días anunciou “para 2024” unha sendas polo litoral de Poio “que o seu partido xa nos negou en Madrid”.

Así, Moldes recordou que as sendas que pretende vender agora Agís xa foron propostas polos deputados do Partido Popular no Congreso, a petición do PP de Poio, en forma de emendas aos Presupostos Xerais do Estado para 2023, unhas emendas que foron rexeitadas polo Grupo Parlamentario do PSOE e Podemos.

Para Moldes, “é curioso que os socialistas prometan algo en Poio si despois en Madrid, onde debe ser aprobado e aceptado, non o apoia. Para que din nada si ao final eles mesmos o vetan no Congreso?”.

Así, Moldes recordou que, por exemplo, a construción da senda entre A Seca e Combarro, foi introducida como emenda na tramitación dos Presupostos polo PP, e mesmo apoiada por outros grupos, pero non saiu adiante polo voto en contra do Partido Socialista, incluidos os deputados por Pontevedra.

“Resulta ridículo que o PSOE de Poio faga presentacións de sendas no litoral ou incluso copie tramos que o PP local levou no seu programa electoral, como por exemplo a de Sinás, en Raxó, e á hora da verdade, cando hai que consignar orzamento e comprometerse, rexeitan en Madrid os proxectos”, indicou o popular.

Moldes subliñou que “a única maneira de que Poio avance é cun Goberno do PP”, indicando que as sendas feitas polo Estado en Poio foron con gobernos do Partido Popular en Madrid, como foi o caso da de Campelo á Seca, do mesmo xeito que o Goberno do PP da Xunta fixo as sendas na PO-308 entre Covelo e Raxó e xa está construíndo a que vai de Fontenla a Combarro, con investimentos de máis de 8 millóns de euros, “…e todo apunta que terá que ser o Goberno de Alberto Núñez Feijóo que está cada vez máis cerca da Moncloa o que volva construír unha senda en Poio”, posto que. “xa é a segunda vez que os socialistas votan que non en Madrid”.

Moldes pediu ao candidato socialista “un pouco de respecto polos veciños de Poio”, recordando que “o que puido facer nestes últimos 12 anos que formou parte do Goberno, pese a perder as eleccións, non o vai facer nos tres meses que quedan para o 28 de maio”, e os veciños de Poio “xa non se cren as mentiras do PSOE”.

“O que tiña que facer, que era convencer aos seus compañeiros no Congreso e no Senado para que apoiasen as sendas, non o fixo”, recordou Moldes, que indicou que “moi pronto, se os veciños de Poio nos dan a súa confianza, haberá tamén na Casa do Concello e na Moncloa gobernos que invistan e se preocupen por Poio”.

“Necesitamos un só alcalde, cun só Goberno e que o seu único pacto sexa cos veciños, sen hipotecas”, insistiu Moldes, porque ao final todo o que non sexa un voto ao PP nas próximas eleccións será un voto para volver a ter Tres Alcaldes, e aínda por riba “darlle un voto ao PSOE en Poio será darlle un apoio a Pedro Sánchez”.