Moldes: “A actitude cómplice do PSOE fará que coa Ponte da Barca o BNG faga o mesmo que con Reina Victoria”

O candidato do PP de Poio, Ángel Moldes, di que a presentación que fixeron os socialistas de Pontevedra e de Poio en bicicleta indica que “está claro que algo pasa coa Ponte da Barca”, e critica que “primeiro negaron o problema e cando comproban a contestación social que hai, agora fan propostas de mellora da mobilidade”.

Así, recorda que “o BNG pechou Raíña Vitoria e agora quere facer o mesmo coa Ponte da Barca coa complicidade do PSOE”. Moldes asegura que “están moi nerviosos co éxito da manifestación e cos miles de persoas, incluso votantes do PSOE, que están en contra do peche de Raíña Vitoria e coa posibilidade real de modificar o tráfico na contorna da Alameda para impedir que cheguen os coches á Ponte”. Por iso, reclama aos socialistas “menos fotos e promesas que son fume e máis valentía para enfrontarse ás imposicións do BNG”.

Por último, incide en que pechar a Ponte da Barca “supón un prexuízo enorme para os veciños de Poio en xeral, pero principalmente para os da Caeira e a Barca. O PSOE non quere molestar ao seu socio, o BNG, e prefire seguir prexudicando aos veciños”.