Ángel Moldes pon o Pazo Besada como exemplo da política de postureo dun Tripartito que “se esqueceu de San Salvador”

O presidente do PP de Poio e candidato ás eleccións municipais, Ángel Moldes, visitou esta mañá a contorna do Pazo de Besada, onde denunciou o abandono da zona, poñéndoa de exemplo das ‘políticas de postureo’ dun Tripartito que se esqueceu de San Salvador.

Moldes trasladou as denuncias de veciños da urbanización contigua ao edificio, así como outros residentes de Andurique e nas inmediacións, centos de persoas que sofren “un abandono total do Tripartito”.

O popular destacou como hai aproximadamente tres meses o Concello celebrou un acto político para ‘inaugurar’ o Pazo Besada, e inmediatamente celebrou unha conmemoración con algúns veciños, “e desde entón o pazo está pechado e sen uso”.

Para Moldes, é o exemplo perfecto de “política do postureo e da foto” do Tripartito, especialmente cando se aproximan as eleccións municipais: “Non vale de nada vir aquí o día da inauguración querer presentar o Pazo como unha gran obra, unha gran infraestructura e demais e, tres meses despois, ter a porta pechada aos veciños sen ningún tipo de uso dentro”.

O que é peor, como xa denunciaran os populares nas últimas semanas, o Tripartito só arranxou “a parte que ía saír nas fotos da inauguración”, polo que non solucionaron ningún dos problemas que arrastra a finca e a contorna desde hai anos. Moldes trasladou as denuncias de moitos veciños da zona, que se queixan de fugas de auga, suciedade, falta de seguridade en accesos ao Pazo e moitos outros problemas que sofren os veciños cada día.

Moldes, que compareceu ante a prensa a mediodía, subliñou que “xustamente, o día despois de que o PP convocase á prensa, o Concello enviou operarios a realizar labores de limpeza por primeira vez desde o acto de inauguración”. Unha mostra máis dun Goberno que non traballa no día a día e só se move tres meses antes das eleccións, pola foto, por denuncias en redes sociais e pola presión do PP e dos veciños.

Moldes indicou tamén que un dos aparcadoiros “disuasorios” que anunciou o Concello na prensa para a zona apareceu nos últimos días pechado e con sinais de “Propiedade Privada” e “Prohibido Aparcar”, polo que se chegou a sancionar a algúns veciños: “Non sabemos se é que o Concello anunciou o aparcadoiro antes de estar seguro de que se ía a poder usar, pero é outra mostra de irresponsabilidade e abandono dun Goberno que funciona só para os anuncios en prensa e as fotos, cando aquí viven veciños que necesitan feitos”.

Por ese motivo, en San Salvador e en todo o Concello, de cara ao 28 de maio, “só hai dúas opcións: Varios goberniños, con varios alcaldes, que fan a guerra pola súa conta e só queren arañarlle algún voto aos seus socios con operacións publicitarias ou un Goberno serio e solvente, cun só alcalde que traballe todos os días do ano e para todos os veciños”.