Ángel Moldes pregunta no pleno que sucede coas promesas para construír aparcamento na finca de Coca-Cola

O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, preguntou ao Goberno Tripartito que sucedeu coas promesas que fixeron para construír un aparcamento na finca de Coca-Cola. Foi durante o último pleno municipal, no que o popular subliñou que “os veciños de Benigno Esperón e da rúa Valiña necesitan con urxencia unha zona para poder estacionar”.

Nesta liña, sinala que “son innumerables as veces que os veciños destas rúas escoitaron ao Tripartito prometer unha zona de aparcamento na finca de Coca-Cola, pero os meses pasan, e tamén os anos, e todo continúa igual. Os veciños sofren un auténtico pesadelo para poder aparcar tanto ao mediodía como cando regresan dos seus traballos”.

Nesta zona viven miles de persoas en dúas rúas paralelas que levan anos esperando unha solución. Por iso, Moldes pide “menos fotos e máis feitos”, e recorda que levan 28 anos no Goberno, e polo tanto “son os únicos responsables de non buscar solucións aos problemas dos veciños”.

Desde o PP explican que en xullo de 2019 o Tripartito anunciou a “solución»; en novembro de 2021, o PP de Poio convocou aos medios para denunciar o déficit de estacionamento e, «casualidades», o mesmo día o concelleiro de urbanismo faise unha foto na parcela de Coca-Cola anunciando avances e o 1 de maio do 2022 di que xa ten os permisos dos propietarios. “Estamos en outubro, xa pasaron máis de tres anos e o único que fixeron neste tempo foi fotos e anuncios pero os veciños continúan cos mesmos problemas”.