Ángel Moldes preguntoulle o equipo de goberno que vai suceder cos impostos municipais dos negocios pechados

O voceiro do PP, Ángel Moldes, participou este xoves na Xunta de Portavoces telemática do Concello de Poio, xunto a Luciano Sobral e a representantes das demais formacións políticas con representación no concello.

Durante a reunión, Moldes dedicou un seguemento especial á execución de varias das propostas do PP durante as últimas semanas, como o servizo de axuda aos escolares e a base de datos do comercio local, todas elas iniciativas do PP que, en maior ou menor medida, xa se están poñendo en funcionamento.

En relación ao listado de empresas abertas durante o confinamento, Moldes trasladou as queixas de varios comerciantes que, pese a permanecer abertos, non figuran na web nin foron contactados polos responsables municipais, polo que pediu que o listado non deixe atrás a ninguén e sexa o máis completo posible para axudar aos pequenos empresarios locais que están facendo un enorme esforzo.

Moldes tamén comunicou as inquedanzas e dúbidas de moitos veciños polo reparto de mascarillas, e as informacións contradictorias ou incompletas sobre o mesmo. O voceiro popular relatou o caso de familias que viron que se repartiu pola súa zona e a eles non lles chegaron, ou que directamente non se lles repartiu o non saben cando van poder dispoñer delas pese a ter maiores e persoas de risco na casa. O popular recordou que o seu grupo solicitou en todo momento a compra e o reparto a todos os veciños, e pediu que se se vai realizar, se faga rápido e ben.

Ademais, trasladou as inquedanzas de numerosos autónomos e pequenos empresarios do Concello sobre a posible eliminación de impostos que demandou o Partido Popular desde os primeiros días da crise, así como de futuros plans de axudas para axudar aos máis prexudicados pola emerxencia sanitaria, e insistiu na mensaxe de que “se os autónomos e as pemes teñen cero ingresos durante o confinamento o concello debe cobrarlles cero impostos”, subliñando que defenderá estas medidas en canto se convoquen as sesións telemáticas dos órganos representativos do Concello: “esperamos que canto antes, porque esas medidas só poden aprobarse en pleno, e son necesarias e urxentes”.

En declaracións posteriores ao encontro, Moldes quixo agradecer as numerosas mostras de solidariedade e altruísmo que están a realizar veciños, empresarios e colectivos de Poio: “Desde os voluntarios que contribúen a desinfectar cos seus tractores, as persoas que están na casa cosendo mascarillas, doan alimentos e material sanitario, esta crise tamén está deixando probas de que Poio é un gran pobo con xente excepcional”, gracias á que “sairemos o antes posible desta situación”.

Finalmente, Moldes quixo recalcar que o PP de Poio segue traballando con intensidade durante esta emerxencia sanitaria, recabando as inquedanzas de veciños, e esta mesma tarde, os oito concelleiros do grupo municipal manterán unha nova reunión telemática para comunicarlles o tratado na Xunta de Portavoces e para poñer en común o traballo que veñen preparando nas distintas áreas e as mensaxes que lles veñen trasladan veciños e colectivos durante estes días.