Ángel Moldes presenta o plan de turismo “Poio Único” a hostaleiros, restauradores, colectivos e veciños

O candidato á alcaldía de Poio, Ángel Moldes, presentou esta mañá o plan de turismo “Poio Único”, un proxecto que se basea en catro eixos: gastronómico, deportivo, natural e Camiño de Santiago. Foi durante un almorzo no que participaron máis de cen asistentes, entre hostaleiros, restauradores, colectivos e veciños, e no que tamén estiveron o xefe da área de turismo de Pontevedra, Felipe Ferrero, o presidente do consorcio de Turismo de Sanxenxo, Alfonso Martínez, a deputada autonómica Lupe Murillo, así como a directora de Urbanismo do Goberno galego, Encarna Rivas.

Moldes destacou a importancia que ten o turismo para Poio, e por iso di que é fundamental contar cun proxecto á altura do sector, co que pretenden acadar un turismo de calidade e sostible, respectuoso coa contorna e buscando a convivencia entre veciños e visitantes, así como desestacionalizar o sector, con propostas que perseguen atraer turistas durante todo o ano e non exclusivamente en tempada alta.

Unha das novidades no eido do turismo gastronómico que subliñou Moldes é a creación dun laboratorio que sexa un espazo de innovación culinaria, formación e asesoramento gratuíto para os profesionais. Tamén aposta por elaborar unha estratexia de enoturismo, cun turismo sostible baseado nos recursos propios e que poña en valor a IXP Ribeiras do Morrazo.

Tamén propoñen poñer en valor a Festa da Ameixa, para que logre a dinamizar o sector e promocionar o produto; volver ás orixes da Festa do Mar, que é o que reclaman os veciños; organizar un concurso de tapas en todo o concello; así como dotar Poio de equipamentos e infraestruturas importantes, como por exemplo aparcamentos.

No eido do turismo deportivo, aposta polo deporte náutico e de costa, con certames como o campionato internacional de kitesurf, que suporía un atractivo diferente e de excelencia para facer de Poio un lugar único, así como o festival internacional en Lourido, que noutras comunidades conseguen atraer e mobilizar a moitísimas persoas.

Con respecto ao Camiño de Santiago, que segundo Moldes é o maior produto que ofrece Galicia para desestacionalizar e que cada ano suma numerosos peregrinos, inclúen unhas xornadas de apoio a proxectos de emprendemento no Camiño e dotación de servizos.

E, por último, no eido do turismo natural, aposta por potenciar as sendas existentes e crear novos espazos, entre Pontevedra e Lourido, da Seca a Combarro ou o Roteiro do Río Mouro, que vai dinamizar toda a parroquia de San Xoán e vaise converter unha alternativa importante ao turismo de sol e praia.