Ángel Moldes presenta o proxecto do PP para que Samieira sexa protagonista do futuro de Poio

O candidato do PP á alcaldía de Poio, Ángel Moldes, participou este venres nun encontro cos veciños de Samieira, no que explicou as propostas do PP para a parroquia, e garantiu que, cun goberno do PP, “Samieira será protagonista do futuro de Poio”.

O popular, xunto a membros da súa candidatura, explicou as principais propostas para a parroquia de cara ás eleccións do 28 de maio, como as beirarrúas na estrada a Armenteira (PO 303), o parque infantil municipal, a dotación de servizos básicos de calidade ou o plan de dinamización turística.

Moldes tamén recordou que nestes catro anos “só o PP de Poio levou a voz de Samieira ao pleno do concello”, con máis de 100 rogos, preguntas, mocións e iniciativas de todo tipo: “Agora queremos levala ao Goberno de Poio e facer o que outros non foron capaces de realizar en 28 anos”

Moldes, que estivo acompañado polo seu equipo, quixo destacar a presenza na candidatura popular de varios representantes de Sameira, como o concelleiro máis veterano do PP de Poio, Manuel Dominguez Álvarez, así como de Elisabeth Moreda Martínez sempre implicada coa veciñanza e na procura da mellora da súa parroquia.

O candidato popular indicou que o PP  “é o único partido que sae a gañar e a gobernar” e a única opción real de cambio, para “facer a partir do 28 de maio o que outros non foron capaces en 28 anos, e darlle a Poio un goberno forte e unido e un só alcalde”.

O candidato popular apuntou que o PP “non chega uns meses ou unhas semanas antes das eleccións, senón que levamos traballando moitos anos, pateando o concello, estando onde nos chamaron os veciños e sendo a súa voz no concello: agora, coa confianza da xente, é o momento de levar a xestión, a transparencia e a voz dos veciños ao Goberno municipal”.

Ademais, Moldes destacou que as eleccións do 28 de maio serán “todos contra Ángel Moldes”, cun PP que presentará un equipo sólido, un proxecto forte e un programa para gobernar desde o minuto un fronte a varios partidos “que non teñen nada que amosar do seu tempo no goberno e que non aspiran a gañar as eleccións, senón rascarlle votos aos seus socios e agardar que ao PP nos falten unhas poucas papeletas e non poidamos formar goberno”, subliñando ademais que os membros do Tripartito pretenden facer esquecer nun mes as promesas incumpridas durante 28 anos.

Nese sentido, o popular recordou que os candidatos de PSOE e BNG “son os mesmos que levan 12 anos nos Gobernos bipartitos e tripartitos que tanto mal lle fixeron a Poio, polo que” a única opción de cambio real é o Partido Popular.

O voceiro popular agradeceu o apoio e a ilusión que está sentindo xa por parte da veciñanza: “A xente quere cambio e ve que o 28 de maio é o momento para conseguilo, e para iso necesítase unha maioría suficiente que permita poñer o goberno ao servizo da veciñanza e garantir servizos básicos, infraestruturas dignas e impostos xustos para todos os fogares do concello sen máis pactos que cos veciños.