
O candidato do PP de Poio, Ángel Moldes, e os veciños da parroquia de San Salvador que forman parte da lista ás municipais de maio presentaron hoxe o seu proxecto para humanizar todo o núcleo de San Salvador, que inclúe A Barca, Ferreiros, Andurique, Porteliña, avenida Sineiro, Encoirados… “Queremos darlle protagonismo ás persoas e eliminar as barreiras arquitectónicas. É unha actuación sensible e consensuada, que pretende dar seguridade aos peóns pero sen esquecernos dos comercios, dos negocios e dos veciños que viven na contorna. E para iso o proxecto inclúe pasos de peóns elevados, mellora da iluminación con especial atención nos pasos de peóns, reposición de mobiliario e incremento dun 20% das prazas de estacionamento”.
Un proxecto que, ademais, garante o dobre sentido na avenida da Barca e na propia Ponte, para que haxa unha convivencia entre peóns e vehículos. “Con este proxecto pretendemos dar resposta a unha demanda dos veciños que viven nunha das zonas máis poboadas do noso concello, que vai mellorar a seguridade, mobilidade e estética de San Salvador”.
Moldes explica que este tipo de proxectos se sacan adiante con diálogo cos veciños e tamén con outras administracións, non con unha confrontación permanente como a que practicou o tripartito estes anos. Por iso, buscará financiamento para este proxecto a través do Plan de acción contra a contaminación acústica da Xunta de Galicia. De feito, explicou que a maioría do tramo de actuación que presenta o PP de Poio xa está dentro do propio mapa da Xunta de zonas que deben diminuír o ruído, con calmados de tráfico, redución de velocidade, etc.
Por último, criticou que “outros partidos veñen agora con promesas cando levan gobernando Poio 28 anos. Pero foi unha mágoa que non fixeran nada durante tanto tempo”. Neste senso, Moldes comprometeuse a que si a partir do 28 de maio gobernan Poio, “este proxecto será unha realidade, non imos tardar tres décadas para humanizar San Salvador como fixeron BNG e PSOE”.