
O candidato do PP á alcaldía de Poio, Ángel Moldes, presentou este sábado a lista coa que concorrerá ás eleccións do 28 de maio, que describiu como “un equipo preparado, ilusionado, que coñece a administración e que ten a capacidade e coñecementos para poder gobernar desde o primeiro día”.
“É unha candidatura preparada para gobernar con ilusión e experiencia, con xente de todas as parroquias e auténticos representantes da sociedade de Poio”, destacou Moldes, que indicou que conta con “xuristas, mariscadores, enxeñeiros, autónomos, técnicos, mariñeiros, deportistas, profesores…” pero, o máis importante, son persoas que coñecen aos seus veciños, lles importan os seus problemas e queren darlles solución”.
No Bosque de Colón de Poio, que é xa un lugar talismán para os populares, Moldes resaltou que a base da candidatura é “a que gañou as municipais de 2019 en todas as parroquias e en todos os centros de votación e a que leva traballando catro anos pola veciñanza”, e por ese motivo os primeiros oito lugares da candidatura están reservados para os oito concelleiros que compoñen o grupo municipal neste momento e que supoñen a primeira forza política da Corporación.
“Cando algo funciona, hai que seguir construindo sobre esa base”, apuntou Moldes, recordando que o actual equipo do PP é responsable de 8 victorias electorais consecutivas, e engadíndolle, iso sí, importantes reforzos e incorporacións sobre a base dun equipo gañador e con experiencia: “Nós non chegamos uns meses ou unhas semanas antes das eleccións, senón que levamos traballando moitos anos, pateando o concello, estando onde nos chamaron os veciños e sendo a súa voz no concello: agora, coa confianza da xente, é o momento de darlle a Poio o goberno que merece e necesita”.
O popular destacou que os próximos comicios serán “todos contra Ángel Moldes”, cun PP que presentará un equipo sólido, un proxecto forte e un programa para gobernar desde o minuto un fronte a varios partidos “que non teñen nada que amosar do seu tempo no goberno e que non aspiran a gañar as eleccións, senón rascarlle votos aos seus socios e agardar que ao PP nos falten unhas poucas papeletas e non poidamos formar goberno”.
Por iso, a candidatura que hoxe se presentou, con 17 titulares e 10 suplentes, o máximo permitido “é a única que se presenta para gañar e gobernar, cun proxecto para unir e servir a todos os veciños e veciñas”, para o que se necesita unha maioría suficiente para poñer o goberno ao servizo da veciñanza e garantir servizos básicos, infraestruturas dignas e impostos xustos para todos os fogares do concello sen máis pactos que cos veciños.
O voceiro popular agradeceu o apoio e a ilusión que está sentindo xa por parte da veciñanza: “A xente quere cambio e ve que o 28 de maio é o momento para conseguilo apoiando un proxecto sólido para unir e servir a todos os veciños de Poio”.
Finalmente, Moldes quixo agradecer a colaboración de centos de persoas que non van na lista pero que “sempre están aí para o que faga falta” e sen as que sería imposible que o PP fose o principal partido de Poio: “Nunha candidatura non cabe todo o equipo do PP de Poio, poderíamos encher dous, tres, catro listas…”, indicou Moldes: “Pero no noso proxecto cabe todo Poio e sobre todo cabe esa gran maioría de veciños que quere un goberno mellor”.
CANDIDATURA DO PP DE POIO ÁS ELECCIÓNS MUNICIPAIS DE 2023
- Angel Moldes Martínez
- Rocío Cochón Castro
- Candido “Tucho” Muíños Balea
- María José “Maritxe” González López
- Manuel Domínguez Álvarez
- Marcial García Freijeiro
- María Natividad “Nati” Torres Balea
- Tamara González Ouviña
- Natalia Sabarís Castro
- Francisco Javier Da Silva Iglesias
- Elisabeth “Eli” Moreda Martínez
- Lino Pazos Nieto
- Hortensia “Tesi” Baquero Hernández
- José Vicente Pérez Pazos
- Jaime Martínez Rial
- Susana Castiñeira Antón
- Sergio Veiga Touceda
SUPLENTES
- Ramón Pesqueira Muñiz
- Juan José Buceta Sanmartín
- Ángeles Torres Esperón
- Adrián Esperón Pequeno
- Ana Vázquez Rivas
- Fernando Rial Esperón
- Lidia Julia Janeiro Díez
- Jesús Míguez Gómez
- Patricia Arizaga Diz
- José Ramón Ansín Sanmartín