Despois dun ano de Tripartito, Poio ten «máis soldos, máis asesores e máis alcaldes» pero «os mesmos problemas»

O grupo municipal do PP de Poio fixo balance este venres dun ano de goberno do Tripartito con «máis soldos, máis asesores e máis alcaldes» pero no que Poio «continúa cos mesmos problemas», fronte aos oito concelleiros do PP que están facendo “unha oposición construtiva, responsable e á que acoden os vecinos cando necesitan resolver un problema ou trasladar as súas inquedanzas”, xa que o goberno está “desganado e desaparecido”.

Explicouno Ángel Moldes nunha comparecencia na que o acompañaron os seus números 2 e 3, Rocío Cochón e Sergio Pereira, e na que desgranou “un ano perdido” dun tripartito que incumpriu todos e cada un dos puntos do seu “pacto de goberno”. Así, Moldes recordou que o “pacto de perdedores” no que BNG, PSOE e Avante Poio se repartían soldos e cargos e garantían o primeiro goberno da historia de Poio con 3 partidos tiña 4 eixes fundamentais, e neste ano incumpríronos todos.

“Acordaron un goberno coordinado, e neste ano comprobouse que non existe ningunha coordinación entre os 3 partidos que máis ben se boicotean, como por exemplo, contraprogramándose con actos ou facendo reunións co sector turístico en Combarro ás que non avisan á concelleira de turismo”, explicou Moldes. “Tamén acordaron fomentar a participación, e hai dúas semanas votaron en contra de deixar participar ao tecido veciñal e socioeconómico do concello na Mesa de Reconstrución que propuxemos”.

Outro dos eixes do pacto de goberno era a transparencia “e por primeira vez na historia o alcalde intentou impedir o acceso da oposición a un expediente cun decreto ilegal que tivemos que recorrer xurídicamente para poder coñecer información”, ao igual que a retransmisión dos plenos, que se fixo “por insistencia do PP e co voto en contra de PSOE e BNG”.

O último punto do pacto de goberno era “a xestión racional dos recursos”, e tamén o incumpriron, xa que, como explicou Moldes: “Non só os informes técnicos son demoledores coas malas prácticas financeiras dos 3 Alcaldes, como as do Bipartito antes, con gastos sen partida, informes de intervención desfavorables… senón que agora, despois de incumprir o Plan económico financeiro, temos un concello intervenido e tutelado”-

Moldes reafirmouse en que en Poio “hai 3 Alcaldes»: «Non é unha cuestión económica senón que hai 3 gobernos distintos, con proxectos, equipos e intereses distintos e moitas veces enfrentados», e lamenta que a Nito, Chelo e Silvia lles faga graza o dos 3 Alcaldes, asegurando que «Aos veciños, ter 3 Alcaldes que non votaron e cos que non poden contar non lles fai ningunha graza».

Moldes recalcou que neste ano o Tripartito non deu solución nin avanzou en ningún dos problemas do Concello, como a Depuradora, “fixeron unha foto na Subdelegación do Goberno pero a día de hoxe segue habendo miles de veciños sen saneamento e a falta de depuradora segue supoñendo grandes riscos para o medioambiente, a economía e a sociedade de Poio despois de 25 anos”, ou o PXOM, que “aínda non pasou por unha comisión despois de máis dunha década e máis de 400.000 euros”.

Moldes recalcou que neste ano o Tripartito foi “un goberno de anuncios, nalgúns casos as mesmas promesas incumpridas dos últimos 25 anos, pero non cumpriu ningún” e ironizou con que a falta de feitos que vender, na rolda de prensa da semana pasada “chegaron a vender como gran logro do Mandato a retransmisión dos Plenos, que foi unha proposta do PP ao que lle fixo falta 3 mocións para que se cumprise, e ás que BNG e PSOE votaron que non”.

Ademais, “como neste primeiro ano non fixeron nada, están volvendo vender as mesmas obras es os mesmos proxectos que xa anunciaron e venderon ata 7 veces, como a cuberta do pavillón ou o teito do concello, que levan anos anunciando”, explicou Moldes, que subliñou que “neste primeiro ano do único do que poden presumir é de votar en contra de baixarlle os impostos aos veciños de Poio, xa que votaron varias veces en contra de baixar o lixo, o IBI, a auga, os vaos”, mentres algúns destes servizos son os máis caros de Galicia.

Moldes fixo alusión á “manobra incomprensible” que fixeron os 3 grupos neste último mes “pola que un alcalde se xubila pero non se retira, e unha concelleira herda un soldo xusto no momento en que os veciños peor o están pasando”, e ironizou cun símil futbolístico, que “cando un entrenador anuncia que abandona un equipo a final de temporada, case nunca sae ben”, explicando que en Poio “o capitán xa anunciou que se vai baixar do barco”, e lamentou que “non é bo que un alcalde estea de retirada porque agora non vai tomar decisións e o único que vai intentar é quedar ben con todo o mundo”.

 

FRONTE A UN GOBERNO DESGANADO E DESAPARECIDO, UNHA OPOSICIÓN CONSTRUTIVA E RESPONSABLE

Moldes destacou a oposición construtiva do PP, que no que vai de mandato presentou máis de de 100 rogos, preguntas e iniciativas, trasladando demandas da veciñanza, e levou 16 mocións a Pleno, máis que os demais grupos xuntos, resaltando que as mocións do PP estiveron “centradas nos problemas reais de Poio e nas demandas dos veciños”.

 

 

O PP levou mocións para rebaixar e bonificar o IBI, a viñeta ou a taxa de lixo, así como para garantizar o estacionamento, infraestruturas, mobilidade, e durante a crise da COVID-19 foi o grupo que presentou o 90% das iniciativas para axudar á veciñanza, incluído un paquete extraordinario de medidas. Ademais, Moldes resaltou que a responsabilidade do PP demostrase en que “apoiamos a práctica totalidade de mocións presentadas polos partidos do Tripartito”, mentres que BNG, PSOE e Avante rexeitaron a práctica totalidade das presentadas polo PP e ningunha proposta do PP contou co voto favorable dos 3 grupos do goberno.

Por iso Moldes reivindicou que o PP é o partido no que os veciños poden confiar, como se demostrou durante este ano e particularmente durante a crise da COVID19. “Somos o partido no que os veciños depositaron a súa confianza hai un ano, somos o partido cuxo proxecto refrendaron maioritariamente os veciños de todos os colexios e todas as parroquias de Poio hai un ano e no que poderán seguir confiando fronte a un Tripartito que, un ano despois, só supuxo para Poio «máis soldos, máis asesores e máis alcaldes» pero non foi quen de solucionar ningún dos seus problemas.