Gregorio Agís foi o peor concelleiro de urbanismo da historia de Poio

Tras facer un breve repaso da traxectoria do candidato socialista en Poio nas eleccións de 2023, o voceiro do PP Ángel Moldes recordou que Gregorio Agís “foi o peor concelleiro de urbanismo da historia de Poio”, sendo o seu peor fracaso “a incapacidade de cumprir os acordos do pleno e sacar adiante o novo PXOM, amosar un só papel do Plan de Ordenación que leva 15 anos nun caixón ou sequera resolver un só dos problemas urbanísticos do Concello”.

Moldes destacou que Agís “foi o concelleiro con máis recursos económicos, o que colleu máis asesores e contratou máis asistencias técnicas e empresas privadas que nunca” e oito anos despois “non só non ten nada que amosar, senón que segue escondendo o PXOM”.

O voceiro popular destacou que Agís pediu unha dedicación exclusiva ao entrar como delegado de urbanismo xustificando que era “para sacar adiante o novo Plan Urbanístico”, e despois de oito anos todo segue igual. Os veciños van preguntar ao concello para construír unha casa nos seus terreos e a resposata é a mesma: ‘Estamos traballando nun novo PXOM”.

Moldes recordou que durante este mandato, o PP levou varias iniciativas para aportar transparencia e axilidade ao departamento de Urbanismo e botar luz sobre o estado do PXOM pero “os Tres Alcaldes, e particularmente Agís tirárono abaixo”. Así, a incapacidade para sacar adiante este documento será “un dos principais fracasos do Tripartito, xa que este documento formaba parte dos sucesivos pactos de Goberno, pero en especial un fracaso político total de Gregorio Agís, que logo de oito anos fala de todo menos deste tema: “porque necesita esconder a súa falta de xestión”.

Moldes recordou que o PSOE, con só tres concelleiros, fixo todo o posible para quedar coas competencias de urbanismo, “e para que? Desde logo non para aprobar o PXOM nin solucionar ningún problema urbanístico do concello”.

Por iso, Moldes indicou que nas próximas eleccións só hai dúas opcións: “que volvan a Gobernar dous ou tres partidos, repartíndose os soldos pero sen facer nada para gañalos repartíndose o Goberno pero sen gobernar”, que é o que sucedería en caso de repetirse un Bipartito -que na práctica sería outra vez un Tripartito BNG, PSOE e Avante-, ou que o PP de Poio teña unha maioría suficiente para gobernar cun único alcalde e un goberno único, unido e capaz de traballar para solucionar os problemas dos veciños de Poio, con servizos dignos para todos, uns impostos xustos e unha xestión eficiente e transparente de todas as áreas de Goberno, incluído darlle solución á pésima herdanza urbanística que deixarán estes 28 anos de Bipartitos e Tripartitos BNG-PSOE.