
O candidato do PP á alcaldía de Poio, Ángel Moldes, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, participaron este venres en Campelo nun encontro con veciños organizado polo PP poiense con máis de 100 asistentes, no que compartiron experiencias, exploraron proxectos en común e destacaron a importancia de manter unha boa relación “con gobernos serios, solventes e unidos a ambos lados da ría de Pontevedra” despois das eleccións municipais do 28 de maio.
Moldes agradeceu a presencia de Ramallo “nun lugar como Campelo, con tantos lazos con Marín”. NomeadamentE: “Xente traballadora que mira ao mar, con retos e inquietudes comúns”. Salientando ademais unha importante diferenza: “Marín ten un Goberno sólido e responsable, cun liderado claro e un equipo unido cuxa prioridade é solucionar os problemas dos seus veciños; mentres que en Poio temos tres alcaldes e ningún proxecto”.
O candidato do PP á alcaldía puxo a Ramallo como referente polo seu traballo “tanto desde a oposición durante varios mandatos, mesmo despois de gañar as eleccións, como na alcaldía”. Unha labor que, tal e como indicou, foi recompensada polos veciños con tres maiorías absolutas. A última delas con 15 concelleiros de 21.
Para Moldes, a marinense “ademáis de amiga, foi un exemplo a seguir na oposición e tamén o é desde 2011 na alcaldía, onde sempre demostrou que o máis importante para ela son os seus veciños”.
Durante o acto, tanto Ramallo como Moldes destacaron a importancia de ter un concello saneado economicamente, capaz de xestionar o medioambiente, que garanta servizos básicos aos veciños e colabore con todas as administracións para acadar investimentos que melloren a vida dos veciños.
Nun lugar cun tecido veciñal e asociativo moi activo, como Campelo, Moldes tamén destacou a importancia das iniciativas para dinamizar económica e socialmente o municipio desde a alcaldía. Poñendo como exemplo as iniciativas do goberno de Ramallo en Nadal, no entroido ou nas festas patronais, onde “gastando moito menos que Poio é quen de darlle moita máis vida ao seu concello.
O popular destacou que os próximos comicios serán “todos contra Ángel Moldes”, cun PP que presentará un equipo sólido, un proxecto forte e un programa para gobernar desde o minuto un fronte a varios partidos “que non teñen nada que amosar do seu tempo no goberno e que non aspiran a gañar as eleccións, senón adiantar aos seus socios e agardar que ao PP nos falten uns poucos votos para gobernar”.
“Somos o único partido que aspira a gañar e gobernar, e temos un proxecto para unir e servir a todos os veciños e veciñas”, para o que se necesita unha maioría suficiente para poñer o goberno ao servizo da veciñanza e garantir servizos básicos, infraestruturas dignas e impostos dignos para todos os fogares do concello sen máis pactos que cos veciños”, indicou: “Quedan 44 días para o cambio. Vamos, Poio!”.
Pola súa banda, Ramallo destacou os paralelismos entre a súa vida política e a de Moldes, explicando que antes de ser alcaldesa tamén aprendeu “moitísimo” durante os anos na oposición e que, como Moldes, gañou as eleccións pero non puido gobernar por un “pacto de perdedores” entre PSOE e BNG. Por iso, continuando esa similitude, Ramallo asegurou que este 28 de maio “serán o momento de Ángel Moldes”.
A líder marinense puxo en valor o compromiso e o traballo de todos estes anos de Moldes en defensa da veciñanza, xunto á súa capacidade de formar os mellores equipos e sacar adiante proxectos para mellorar o concello. “Ángel Moldes merece ser alcalde de Poio”, concluiu.