Moldes: «o problema do saneamento soluciónase grazas á solidariedade de moitas persoas, empezando polo veciños de Sanxenxo, que permiten recibir as augas de Raxó e Samieira»

O voceiro do PP e candidato á alcaldía, Ángel Moldes, recorda que “o problema do saneamento e a depuración non se soluciona pola xestión de ningún concelleiro, senón pola solidariedade de moitas persoas, comezando polos veciños de Sanxenxo que permiten recibir augas de Raxó e de Samieira”.

Por iso, Moldes pide “un pouco de humildade” ao Goberno local. “Non é normal que algún concelleiro se dedique a enviar cartas ás casas presumindo de xestión, cando tardaron case trinta anos en dar resposta ás demandas de necesidades destas parroquias, e tampouco dando a entender que a depuradora está feita, porque a día de hoxe estamos vertendo directamente ao mar en Raxó e en Samieira”. Con todo, di que “hoxe no pleno extraordinario demos un paso máis nun proceso que será longo e que, de seguro, terá que volver a pleno municipal para aprobar outras adendas”.

Na sesión desta mañá, o Partido Popular votou a favor “porque é unha actuación moi importante para a veciñanza de Poio, e actuamos, como sempre facemos, con compromiso e responsabilidade”.