
O presidente do PP de Poio, Ángel Moldes, lamentou este sábado “a falta de altura política do candidato do PSOE, Gregorio Agís”, tras publicarse unhas declaracións nas que Agís mente sobre os prazos de tramitación, execución e posta en marcha da ampliación da depuradora de Paxariñas, en Sanxenxo, que dará servizo ás parroquias de Raxó e Samieira.
Moldes destacou que o candidato socialista “mente aos veciños de Poio, e especialmente aos de Raxó e Samieira cando dí que poderán estar conectados á depuradora de Sanxenxo en 2024”, subliñando que a día de hoxe o proxecto acumula retrasos sobre os prazos previstos e ten pendentes a redacción do proxecto definitivo, a licitación, a adxudicación das obras, por non falar do comezo das mesmas pola empresa que resulte adxudicataria: “E Agís ten a pouca vergoña de anunciar que empezarán antes das eleccións de maio”.
O popular explicou que o estado actual do proxecto, que pode consultarse en https://www.acuaes.com/fondos-europeos/fondos-2014-2020/actuaciones-de-saneamiento-y-depuracion-en-poio-sanxenxo , fai imposible que os veciños se conecten antes de 2025 como moi cedo, sempre que non houbera novos retrasos: “El sábeo perfectamente pero necesita vender fume porque non ten xestión nin folla de servizos que mostrar”.
Moldes pronosticou que as constantes saídas de ton, os ataques á oposición e á Xunta por parte de Agís “non lle van o resultado que agarda. Unha campaña baseada na confrontación e na mentira permanente como a do candidato socialista non pode ter éxito en Poio e o único que vai conseguir é seguir perdendo as eleccións, como leva facendo o PSOE os últimos 40 anos”.
“Mente sobre a depuradora de Paxariñas como mente sobre todo o demais. É o estilo PSOE”, indicou Moldes, que lamentou o afán de protagonismo que durante os últimos meses e semanas, o socialista está intentando compensar a súa falta de tirón electoral e coñecemento con operacións de propaganda e enfrontamentos coa Xunta.
Moldes subliña o sectarismo que rezuman as declaracións de Agis, intentando arrogarse unhas obras que só serán posibles grazas á colaboración entre administracións e á xenerosidade do concello veciño: “Esa visión miope da política pode valer para arañar unhas competencias despois de perder as eleccións, pero demostra falta de madurez e de altura como para gobernar un Concello”
“Se para Agís a Xunta leva 30 anos ‘mareando o asunto’, que estiveron facendo os gobernos municipais nos que participou o PSOE nos últimos 28 anos? E os 4 anos de Bipartito en Santiago? E os 8 de gobernos socialistas en Sanxenxo?”, pregunta Moldes: “A verdade é que foi o Goberno do PP na Moncloa o que declarou o proxecto de interese nacional e foi un Goberno local do PP o que facilitou unha saída ante a incompetencia de 28 anos de BNG e PSOE”.
“Por moito que Gregorio Agís queira ser o gran protagonista a reflexión é fácil: que tería pasado se Telmo Martín chega a decir que non?”, preguntou Moldes.
“A verdade é que a única administración que mellorou o saneamento de Poio a día de hoxe é a Xunta, que investiu 13 M€ na depuradora de Praceres á que verte a maior parte do Concello, e cando chegue o saneamento a Raxó e Samieira teremos que agradecerllo principalmente á solidariedade dos veciños de Sanxenxo e ao seu alcalde por ampliar unha depuradora no seu propio territorio”.
Moldes finalizou facendo unha reflexión: “Poio non merece un espectáculo como o que están dando BNG e PSOE / Avante, que desde hai meses xa se esqueceron de gobernar despois de que Nito, Chelo e Silvia renunciaran a ir as eleccións”
“Fronte a dous candidatos que non teñen nada que amosar nin que prometer e que só aspiran a perder as eleccións e quedar por diante do seu socio, Poio necesita un Goberno serio, unido e cun proxecto solvente que sexa capaz de amosar feitos e non promesas. E nós somos os únicos que poden ofrecer ese Goberno a partir do 28 de maio”.