O PP convocará a “Mesa de Reconstrución Social e Económica de Poio” se non o fai o Tripartito antes de 15 días

O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, reuniuse este martes na sede da súa formación con representantes da AVCR Combarro, unha das entidades impulsoras da “Mesa de Reconstrución Social e Económica” de Poio proposta polo PP no pleno municipal de maio, para estudar os pasos a seguir despois do voto en contra de BNG, PSOE e Avante Poio a constituír inmediatamente este órgano.

Durante a reunión, Moldes explicou á directiva da asociación o sucedido na sesión do Pleno municipal celebrada o 26 de maio, na que o PP presentou unha moción para crear esta Mesa de traballo, composta de representantes dos grupos políticos da corporación, dos sectores produtivos como autónomos, empresas e traballadores; representantes do tecido asociativo (cultural, deportivo e veciñal), así como técnicos municipais das distintas áreas para canalizar as demandas e inquedanzas dos veciños, colectivos e sectores sobre o futuro do Concello despois da crise da COVID-19 e poder tomar decisións e establecer directrices para o futuro.

A mesa incluiría ademais a constitución de grupos de traballo sectoriais para que ningún sector nin ningún colectivo quedase por escoitar e poder redactar unhas conclusións o máis completas e inclusivas posibles.

Lamentablemente, BNG, PSOE e Avante Poio votaron en contra, incluso despois de que os populares aceptasen incluír varias das emendas propostas por eses grupos, e o que fixeron foi aprobar un acordo distinto que condiciona a creación de calquera mesa á previa derrogación, nas Cortes Xerais da “Ley Orgánica de Estabilidad Presupuestaria” ou “Lei Montoro” por maioría absoluta, que depende exclusivamente do procedemento lexislativo e de acordos grupos parlamentarios nacionais, polo que, evidentemente podería levar anos se é que se produce.

Moldes lamentou a decisión recalcando que “é sorprendente que un goberno nacionalista como o de Poio condicione escoitar aos colectivos locais ás decisións do Congreso dos Deputados”, e preguntou “Que pasaría se finalmente non hai un acordo de 176 deputados para derrogar esa Lei Orgánica: ¿Poio quedaría sen Mesa de Reconstrución?”, e lamentou que o Tripartito levase a súa habitual táctica de botar balóns fóra “elevada á máxima potencia”, xa que agora nin sequera pasan a pelota a outro goberno ou a outra administración, senón “ás Cortes Xerais”.

Moldes lamentou que o Tripartito “non teña ningún interese en escoitar aos veciños, aos colectivos nin aos axentes socioeconómicos de Poio”, e expresou a súa indignación por esta actitude de “partidos que no seu pacto de goberno se comprometeron a fomentar “a participación veciñal e agora hai que escoitalos no Pleno dicindo que escoitar aos veciños é «perder o tempo».

“Escoitar aos veciños nunca é perder o tempo, reunirse cos colectivos non só é útil, senón que é necesario e urxente”, reprochou Moldes, que advertiu que “a recuperación social e económica de Poio non pode agardar nin depender de Madrid, xa que Poio ten competencias suficientes para crear esta Mesa de Reconstrución, escoitar aos colec-tivos e sectores productivos e empezar a tomar decisións xa mesmo”

Por ese motivo, Moldes tomou a decisión de garantir a creación da mesa e “asegurar que os veciños, as asociacións, os axentes económicos e os técnicos van ter voz, e a van ter xa, no futuro de Poio”, e emprazou aos 3 Alcaldes a convocar a Mesa inmediatamente.

Se o tripartito decide non constituír este órgano nun prazo de 15 días, “será o propio Partido Popular quen constitúa a Mesa de Reconstrución Social e Económica”, convidando a todos os colectivos, sectores e partidos, incluíndo, naturalmente, a BNG, PSOE e Avante Poio e escoitando a todos para construir o Poio do futuro xuntos e saír desta crise social e económica do único xeito posible, entre todos, escoitando a todos e contando con todos.

Moldes agradeceu a amabilidade e as achegas dos representantes da AVCR Combarro, e emprazounos para futuras reunións, agradecéndolles a súa participación na mesa que se convoque, sexa desde o Concello ou sexa desde o PP para aportar a súa perspectiva.