
O Partido Popular asistirá a unha concentración en Casalvito, o vindeiro luns 21 ás 16:00h na parada do transporte escolar (en Rúa Casalvito 23 xunto ao cruceiro) para denunciar o abandono do Goberno Tripartito. Os populares critican que, un día máis, e xa van moitos anos, os rapaces volveron a ir mollados ao colexio.
Recordan que a petición de colocar unha marquesiña é unha solicitude formulada polas nais e polos pais en varios escritos, e mesmo os populares fixeron a petición en comisión e incluso defenderon unha moción no pleno municipal que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos, pero a situación continúa exactamente igual. Entenden que as vías administrativas xa están esgotadas, e os tres alcaldes continúan ignorando aos veciños e deixando desprotexidos aos nenos e nenas que van ao colexio e ao instituto. Por iso, din que non van consentir máis molladuras e aseguran que, de non solucionarse o problema de inmediato, cada mes organizarán unha manifestación como forma de presión ata que instalen a marquesiña.
Din que é cuestión de vontade política e de que alguén tome a decisión. Hai tres alcaldes pero ningún dos tres é capaz de resolver un problema que non require de grandes investimentos. Ten unha solución moi sinxela e, si se quere, a xestión é rápida.