Ángel Moldes comprométese a dotar de saneamento e ampliar o parque de Vilariño

O Partido Popular de Poio comprométese a dotar de saneamento e ampliar o parque de Vilariño, “imos resolver nos primeiros anos de mandato o que BNG e PSOE non fixeron en 28 anos”, sinala o candidato á alcaldía, Ángel Moldes.

Moldes e o candidato do PP por Vilariño, Fernando Rial, visitaron a zona para presentar o seu compromiso co que dar resposta a demandas históricas dos veciños. Rial sinala que “un dos motivos de acompañar a Moldes na súa candidatura ás eleccións municipais de maio é contribuír a que Vilariño mellore. Os veciños desta zona levamos moitos anos esperando por servizos básicos, por un saneamento que non chega e por un parque infantil decente para os rapaces”.

Así, os populares comprométense “a buscar unha solución para esas demandas xustas e urxentes para este lugar. Non ten sentido que existan lugares como Vilariño sen saneamento nin auga mentres temos desde hai máis de cinco anos o contrato da auga caducado. A forma máis rápida para dar resposta é un novo contrato que obrigue á empresa adxudicataria a facer investimentos para mellorar e ampliar a rede municipal, e desde logo que este sería un deles”.

Por outra banda, denuncia que “hai moitos nenos aos que no seu día se lles prometeu un novo parque infantil e na actualidade xa conducen os seus propios coches mentres en Vilariño continúan sen parque infantil. Xeracións de nenos que herdan o mesmo problema por falta de compromiso e de xestión de BNG e PSOE durante case tres décadas de Goberno”. Por iso, Moldes anunciou que xa iniciou os contactos cun propietario para ampliar a área infantil e instalar unha zona con aparatos bio saudables para adultos, e coa posibilidade incluso de crear unha pista de xogo. “O noso compromiso é claro, imos facer o que PSOE e BNG no fixeron en 28 anos”.