O PP de Poio doou máis de 3.000 euros durante o estado de alarma para combater o Coronavirus

O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, fixo público esta semana un informe de tesourería certificando que ao longo dos últimos tres meses o grupo municipal popular doou máis de 3.000 euros para combater o coronavirus.

Moldes explicou que o 4 de abril, apenas unhas semanas despois de declararse a situación de emerxencia sanitaria pola crise da COVID-19, os concelleiros do PP presentaron un escrito solicitando a reanudación de comisións e plenos telemáticos e renunciando “ao cobro das retribucións que lles corresponderían pola asistencia a todas as sesións dos órganos colexiados nas que participen e que se celebren mentres dure o estado de alarma”, de modo que eses cartos quedasen a disposición para a compra de material sanitario e para o combate contra a pandemia.

Así, Moldes facilitou aos medios e aos veciños un informe emitido a semana pasada polo departamento de tesourería que cuantifica en 3.192,00 euros o importe total doado polo Partido Popular, dos que algo máis da metade, 1.748 euros, corresponden a comisións informativas e o resto, 1.440 euros, corresponde aos 3 plenos celebrados durante a vixencia do estado de alarma.

As retribucións que corresponderían aos concelleiros do PP serían 44 euros por cada comisión á que asistiron e 87 euros por cada pleno. Pola contra, os membros do goberno local que non teñen dedicación perciben 175 euros por cada pleno, 70 euros por cada comisión e 87 euros por cada xunta de goberno local.

A decisión de facer público este informe foi como resultado das declaracións de Luciano Sobral, Gregorio Agís, Xulio Barreiro, Silvia Díaz e outros membros do tripartito, que puxeron en dúbida a doazón durante o pleno extraordinario celebrado o 16 de xuño: “Sabemos que é unha contribución humilde pero queremos que quede constancia, xa que, ata onde sabemos, fomos o único grupo que renunciamos a todas as cantidades e non cobramos nada durante estos últimos 3 meses e medio, mentres que os 3 alcaldes e o seu equipo cobraron máis que nunca”.

 

O PP DE POIO ADIANTOUSE E ESTIVO “CENTRADO NOS VECIÑOS” DURANTE OS PEORES MOMENTOS DA PANDEMIA FRONTE A 3 ALCALDES “DESAPARECIDOS E A REMOLQUE” QUE “NON SÓ NON DEIXARON DE COBRAR UN EURO, SENÓN QUE COBRARON MÁIS E REPARTIRON UN SOLDO.

Moldes subliñou que ademais da renuncia aos cobros, que ningún outro partido imitou, máis do 90% das medidas adoptadas en Poio durante a pandemia foron a proposta do PP. Así, Moldes destacou o servizo de impresión e reparto de tarefas escolares, o listado de de comercios locais abertos durante a pandemia, a axilización de pagos a proveedores, o traslado das peticións do sector do mar, a apertura do cemiterio e moitas outras. Ademais, Moldes resaltou que mentres BNG, PSOE e Avante Poio rexeitaron moitas das medidas propostas polo PP para axudar a veciñanza, o PP si apoiou a práctica totalidade de iniciativas municipais.

Finalmente, o voceiro popular lamentou que o grupo de goberno non apoiase outras propostas como axudas a familias, supresión de impostos e que, lonxe de renunciar a un só euro, cobraron máis pola asistencia a órganos colexiados, convocaron un pleno extraordinario cun custo de 2.000 euros co único obxectivo de traspasar o salario de Luciano Sobral a Marga Caldas, e aproveitasen a pandemia para repartirse un soldo: “Nin sequera nun momento coma este a súa prioridade foron os veciños”.