
O presidente e voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, acompañado da práctica totalidade do Grupo Municipal, reuniuse con representantes dos traballadores de Ence para trasladarlles o apoio dos populares na defensa dos seus postos de traballo.
Durante a reunión, Moldes fíxolles entrega dunha copia da moción que o PP defenderá no Pleno municipal de setembro, na que pide o apoio da corporación á mobilización “por un futuro e traballo digno en Pontevedra” convocada por traballadores, sector forestal, empresas auxiliares e outros para o próximo venres 30 en defensa da continuidade da fábrica.
O portavoz popular destacou a enorme importancia social e económica da fábrica en Poio, xa que “os postos de traballo de centos de veciños do noso concello dependen directa ou indirectamente de Ence”, ademais dos autónomos e empresas locais que traballan para a fábrica. Moldes fixo fincapé no impacto que ten para a economía do concello a parada técnica anual, con “hoteis e restaurantes, tendas de alimentación, estacións de servicio, comercios… que colgaron o cartel de completo coa visita das persoas que traballan na parada”.
“Temos moi claro que o peche da fábrica sería moi negativo para Poio”, recalcou o voceiro popular: “Non queremos que os traballadores de ENCE corran a mesma sorte que os de Elnosa, perdan o seus traballos ou teñan que marchar fóra de Galicia e lonxe das súas familias pola obsesión ideolóxica de BNG e PSOE“
“Imos seguir defendendo os intereses dos traballadores e moi especialmente o futuro de tantas familias de Poio”, asegurou Moldes, que emprazou ao resto de partidos representandos no Pleno de Poio a “pensar no futuro dos veciños antes que nas ordes recibidas do BNG e o PSOE de Pontevedra ou de Santiago”, e a que “por unha vez, se poñan do lado dos traballadores”.