O PP denuncia o retraso que leva a obra de Ramón Encinas en Raxó e que prexudica a veciños, visitantes e negocios da zona

O Partido Popular de Poio denuncia o retraso que leva a obra de Ramón Encinas, en Raxó, que está prexudicando a veciños, visitantes, negocios, empresas e hostalería.

“Cando o Tripartito presentou a reforma prometeu que en Semana Santa terían rematado máis do 80% e que quedarían pequenos detalles para concluír a obra antes do verán, pero a realidade é que a día de hoxe non se executou nin o 10%, moitos días nin hai operarios traballando e cando están só son tres obreiros”, denuncia Ángel Moldes.

O voceiro popular subliña que este retraso xa provocou prexuízos e perdas a moitos negocios, na hostalería e tamén para veciños e turistas durante a Semana Santa, pero di que “é aínda máis preocupante o que pode acontecer, porque a este ritmo non terminan a tempo tampouco para o verán”.

Así, Moldes propón que o Tripartito se reúna coa empresa e que solicite un cambio de ritmo na execución que incremente o número de operarios, “porque non pode chegar xuño con esta obra sen rematar”. De igual modo, os populares esixen que exista “máis coordinación para que durante as fins de semana e nas próximas pontes festivas a obra quede minimamente adaptada para poder pasar e os negocios poidan seguir traballando”.

Por último, subliña que “son moitos os veciños que no seu día foron á presentación que fixo Gregorio Agís sobre as obras e que agora se senten enganados porque non cumpriu ningún prazo anunciado. Xa perderon a Semana Santa e agora desconfían en perder o verán”.