
A concelleira Rocío Cochón pediu este mércores ao Tripartito de Poio “que se poñan de acordo en que mentira lle queren contar aos veciños” despois de que distintos membros do Goberno deran varian versións nos últimos días “a rebufo das denuncias dos veciños e da actividade do PP”.
Así, Cochón recordou que no pleno da semana pasada, o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, volveu a negar que haxa problemas co subministro de auga e chegou a chamar “indios” aos concelleiros do PP por trasladar as denuncias da veciñanza de cortes de auga que afectan a centos de persoas cada poucos días, especialmente na Caeira, en Boavista e noutras zonas.
“Xusto ao día seguinte, media Caeira volveui quedar sen auga, con avarías ata en seis rúas”. Ante o enfado dos veciños por esas declaracións e logo de que volvera haber avarías en seis rúas, o concelleiro de Obras Julio Casas pediu desculpas aos veciños nunha entrevista radiofónica polas “avarías constantes” ata en tres ocasións, e recoñeceu que en ningún caso os proxectos para mellorar os servizos estarían listos antes do ano que vén. Despois doutra avaría e de varias denuncias veciñais, o propio Luciano Sobral, noutra cadea de radio recoñeceu problemas “nunha pequena zona” e dixo que se están redactando proxectos para mellorar a pavimentación “e de paso os servizos”.
Ao día seguinte, e cun enfado dos veciños en chamadas á radio, redes sociais, e cunha convocatoria de rolda de prensa do PP de Poio para anunciar un plan integral para A Caeira, “o Tripartito olvida as versións anteriores, os plans que se estaban redactando e saen prometendo unha chuvia de millóns á desesperada”.
“Ou mentían antes cando negaban as avarías ou menten agora cando din que as avarías son constantes. Ou mentían o martes cando dicían que non poden facer nada a curto prazo ata o novo contrato da auga ou menten agora dicindo que xa teñen un proxecto ambicioso para facer obras cuns cartos que hai catro días dicían que non tiñan”.
“O Tripartito só reacciona a rebufo dos veciños e do PP e cada vez máis desesperados, sen nada que amosar máis que anuncios. Uns partidos que levan 27 anos no Goberno sen facer nada para mellorar os servizos básicos de miles de veciños e 5 anos cun contrato da auga caducado non teñen credibilidade para facer promesas”.
Cochón recordou que a única maneira de que os veciños de Poio teñan uns servizos básicos de calidade é cun Goberno do PP, un compromiso trasladado onte polo portavoz Ángel Moldes aos veciños da Caeira: “Se nas próximas eleccións os veciños confían en nós e nos outorgan a maioría necesaria para gobernar, aplicaremos un plan integral para solucionar os problemas co subministro de auga na Caeira, en Boavista e noutras zonas e para garantir os servizos básicos aos núcleos que carecen deles, como Vilariño, Fragamoreira e outros”.
“Fronte a iso, hai un Tripartito desesperado, cada un deles contando unha mentira diferente e que despois de 27 anos foi incapaz de atender os problemas dos veciños de Poio e só sabe facer oposición da oposición e faltarlle ao respecto ao PP e aos veciños”, rematou Cochón: “Xa non teñen ningunha credibilidade. Acabouse o tempo das mentiras do Tripartito e chegou o momento de actuar para garantir servizos básicos dignos e de calidade da man dun Goberno do PP de Poio con Ángel Moldes á fronte”.