O PP di que o Tripartito actúa “pouco e tarde” fronte aos graves problemas co subministro de auga en Boavista

O PP subliñou este mercores que “o tempo e os técnicos” estanlles dando a razón sobre os constantes problemas de auga, especialmente en Boavista.

Este martes a Comisión municipal de Urbanismo aprobou a solicitude dunha axuda á Deputación destinada a facer “unha actuación de emerxencia” para reparar fugas e roturas unicamente nas rúas Illa de Tambo e Illa de Ons, en Boavista, pese a que hai máis dunha decena de viais nas que a veciñanza sofre cortes de auga permanentes.

Os concelleiros populares subliñaron que nos últimos anos levaron a comisión e a pleno as denuncias dos veciños sobre o estado da rede de subministro en decenas de ocasións, e en xaneiro deste mesmo ano o PP presentou unha moción para solucionar os problemas dos subministros na Caeira, en Boavista e noutras zonas á que o Tripartito votou en contra, acusando aos populares de catastrofistas “e agora os propios técnicos do Concello confirman as nosas denuncias”.

Así, os informes técnicos que acompañan á solicitude de axuda subliñan en varios puntos que “as perdas por fugas e roturas son unha constante dun tempo a esta parte” e a rede necesita “dun tratamento urxente que evite as constantes fugas”, despois de anos de denuncias do PP, polo que “o tempo e os técnicos dannos a razón”.

Os populares destacaron que o Tripartito actúa «pouco, mal e tarde», xa que o Tripartito só quere actuar en dúas rúas, Illa de Tambo e Illa de Ons, e deixa fóra a centos de veciños que sofren fugas e averías constantes, como a rúa Río Miño, con decenas de cortes de auga en apenas uns meses.

Os populares din que apoiarán todas as actuacións “por pequenas que sexan”, porque levan anos demandando solucións para os problemas de subministro, pero recordan que esta “non é a actuación que demandan e necesitan os veciños”. Os populares destacan que, con esta actuación, o Goberno local segue deixando abandonados a centos de veciños que sofren roturas e avarías constantes: “Cada vez está máis claro que o Tripartito non ten ningunha intención de mellorar os servizos básicos dos veciños”.