O PP esixe transparencia ao Tripartito e que aclare cantos veciños están afectados pola subida do IBI

O Partido Popular de Poio esixe ao Goberno Tripartito que sexa transparente e aclare cantos veciños están afectados pola subida do IBI. O voceiro, Ángel Moldes, recorda que o ano pasado negaron a subida, pero agora xa recoñecen que está fraccionada en tres anos. Por iso, queren saber cantos veciños se viron afectados o ano pasado, cantos recibirán o recibo este ano e cantos o ano próximo.

“Falan de fraccionamento pero non están dicindo a verdade. Non se lle fraccionou o recibo aos veciños afectados, o que se fixo foi non enviar o recibo coa subida a todos os veciños ao mesmo tempo para evitar que fora un número elevado e puideran protestar en masa”, denuncia Moldes. Ademais, sinala que “si é como di o Tripartito, que se fraccionou para que non teña tanto impacto económico nos fogares, que é o que están dicindo? Que aos veciños que lles chegou xa o recibo, vailles volver a subir o IBI para o ano?”.

Por todo isto, os populares solicitan os datos por ano dos veciños afectados. Ademais, desconfían que o maior número de recibos se van a emitir para o ano que vén, unha vez pasadas as eleccións municipais de maio.

“O Tripartito ten que responder moitas preguntas. Cantos veciños están afectados? A cantos xa lles afectou a subida e cantos están pendentes do recibo? E, por último, quen foi a persoa responsable de solicitar que estes recibos se dividan en varios anos?”.

Ademais, critican a manipulación do Goberno local. “O ano pasado negaron a subida porque sabían que enviaron poucos recibos. Este ano xa recoñecen que fraccionaron o número de afectados”, e “medo” lle dá aos populares “que é o que pode suceder o ano próximo. Xa coñecemos como actúan no Tripartito. Toman as decisións difíciles unha vez pasadas as eleccións, tal e como fixeron co regulamento do cemiterio de San Xoán”.

Para Moldes, “a única verdade en todo isto é que desde que o Tripartito chegou á alcaldía de Poio, o único que fixeron os tres alcaldes foi subir impostos, convertendo moitos dos recibos municipais nos máis caros de toda Galicia e, o peor de todo, é que non repercute nuns servizos mellores nin máis eficientes para os veciños”.