O PP esixe un subministro de auga digno para Arén, en Samieira

O Grupo municipal do PP de Poio esixiu este martes na comisión de urbanismo que as obras anunciadas no lugar de Arén, en Samieira, inclúan a dotación dun servizo digno de abastecemento de auga para os veciños da zona.

A concelleira Rocío Cochón lembrou que moitas familias non teñen un servizo adecuado, fáltalles presión ou directamente non lles chega o abastecemento de auga ás casas.

O PP presentou unha moción en febreiro de 2022 para dotar dun servizo digno á zona e a toda Samieira, que contou co apoio unánime da Corporación “pero una ano despois non se fixo nada”, lamentou Cochón. Por iso, despois de que o Tripartito anunciase esta semana a tramitación dunhas obras de humanización na zona, os populares esperan “que non se sigan esquecendo dos servizos básicos”.

Cochón recordou que despois de 28 anos de bipartitos e tripartitos, centos de familias seguen sen auga ou saneamento nas súas casas, ou carecen dun servizo digno, e durante os tres anos e medio dos Tres Alcaldes “a situación non mellorou”, xa que nin solucionaron os problemas de auga”, nin puxeron saneamento, nin melloraron os servizos básicos e deixaron caducar o contrato da auga: “O número de fogares sen auga ou saneamento en 2023 é practicamente o mesmo que en 2019. O Tripartito foron catro anos perdidos para Poio”.

A popular subliñou que o programa de Goberno do PP para os próximos catro anos establece como prioridade “dotar de servizos básicos de calidade aos centos de veciños que están sen eles despois de 28 anos de bipartitos e tripartitos”, e  asegurou que se, como todo parece apuntar, o último goberno de Sobral é incapaz de mellorar os servizos básicos de Samiera nos meses que lle quedan, “un Goberno sólido e capaz, dirixido por Ángel Moldes terá como primeiro obxectivo dotar de servizos básicos de calidade aos centos de familias do noso concello que carecen deles”.