O PP impulsa a mellora do servizo de móbil e de internet en Porteliña

O Pleno municipal de Poio aprobou este martes por unanimidade a moción do Partido Popular “para solucionar os problemas da veciñanza e o tecido económico” derivados da falta de cobertura móbil e de datos na zona de Porteliña.

O portavoz popular e candidato á alcaldía, Ángel Moldes, celebrou que o resto de forzas se puxeran de acordo en traballar para impulsar o servizo de telefonía e internet, recordando os problemas que supón para veciños e comercios a falta de conexión “nunha zona moi urbana, onde viven case 1.000 persoas e con todo tipo de servizos, como frutarías, farmacias, supermercados, restaurantes”….

Moldes subliñou que despois da pandemia demostrouse que “hoxe en día ter cobertura de móbil e datos non é un capricho, senón unha necesidade”, e relatou como na última visita á zona veciños e empresarios lle trasladaron as queixas “por non poder facer e recibir chamadas desde casa ou o negocio, cobrar con TPV ou que os clientes non poidan consultar códigos QR ou entrar en internet”.

O popular lamentou ademais que esta desconexión se produza “na zona máis urbana e poboada de Poio”, a parroquia de San Salvador, pero recordou que non é a única, xa que xa en 2020 os populares presentaron outra iniciativa para que desde o Concello se fixese un estudio da cobertura e as conexións de fibra, móbil e internet en todo o municipio e para solucionar os problemas de moitas familias e, polo que podemos comprobar, pouco se fixo.

O texto, aprobado por unanimidade, subliña que “todas as administracións teñen un papel que xogar”, sendo o Estado o que ten as competencias exclusivas en telecomunicacións, aínda que o concello tamén ostenta a responsabilidade de “promover, no termo municipal, a participación dos cidadáns no uso eficiente e sostible das tecnoloxías da información e a comunicación”.

Por iso o Pleno, a instancias dos populares, instan ao Goberno local “a traballar cos operadores de telefonía, empresas e demais administracións, para buscar solucións a falta de cobertura e conexión a internet”.