O PP informa que o Tripartito levantou 48 reparos en 2022, que ascenden a máis de 1.660.000€

O Partido Popular de Poio fixo públicos os datos esenciais do informe anual do departamento de intervención do concello de Poio que dá conta dos reparos realizados durante 2022 por este servizo e levantados posteriormente polo goberno local ou en moi ocasións polo pleno: un total de 48, dos que a inmensa maioría, 42, foron levantados mediante decreto da Alcaldía. O importe total de todos estes reparos de internvención que foron levantados polo equipo de goberno ascende a 1.660.000€.

O voceiro do PP e candidato á alcaldía, lamentou a utilización masiva por parte do goberno local desta práctica de levantamento de reparos, que debería ser excepcional pero a realidade e que para os 3 Alcaldes é o habitual cada semana: «levantaron 42 reparos nun ano», o que segundo Moldes, denota unha forma de xestionar que non atende «á realidade de Poio, nin a un mínimo de previsión ou respecto aos requisitos legais e denota unha gran irresponsabilidade por parte do equipo de goberno».

Moldes explicou que o PP pode chegar a entender algún reparo «porque sempre pode haber imprevistos», pero tantos e por tanto importe «falan dun equipo de goberno que fai o que lle dá a gana contra a opinión dos funcionarios e contra o sentido común»

«Con frecuencia os técnicos informan de que esta práctica ten que parar e este goberno parece que cada vez vai a peor», explicou Moldes, que apuntou que as prácticas irregulares de xestión non se limitan ao levantamento de reparos, recordando que os 3 Alcaldes «acumulan a débeda municipal máis elevada da provincia de Pontevedra e a cuarta de Galicia».

Os reparos levantados polos 3 Alcaldes inclúen advertencias dos técnicos por facturas polos mesmos conceptos que superarían os importes fixados na Lei de Contratos do Sector Público e poderían incurrir nun fraccionamento irregular de contratos.

«Durante todo mandato pedímoslle aos 3 Alcaldes prudencia co gasto público, responasbilidade e o cumprimento da normativa: non se poden gastar se non hai partidas presupostarías, primeiro teñen que buscar a partida e logo gastar. Estamos falando de reparos en 2022 por importe de 1.660.000€ pero nin caso nos fixeron a nós, o grupo maioritario da Corporación, nin aos técnicos e funcionarios do Concello», indica Moldes.

«O BNG e o PSOE eran os que estaban acostumados a facer estas prácticas irregulares no Concello pero xa observamos que Avante Poio aprendeu rápido estas malas prácticas e non está a cumprir ningún dos compromisos asinados no pacto de goberno e está a poñer aínda peor a saúde do Concello, tanto aprendeu a Sra. Díaz que agora xa vai na lista do PSOE nas vindeiras eleccións», indica Moldes.

Polo tanto, engaden desde o PP, os veciños teñen que decidir en maio entre dúas opcións: un goberno con tres alcaldes, tres orzamentos distintos e seguir endebedando a este concello e xestionado os cartos públicos de xeito irregular, ou un único alcalde, cun proxecto único e un único orzamento, que priorice o gasto e que pode reducir a débeda e que xestione de xeito regular e legal os cartos dos veciños de Poio: despois de tres décadas, un único goberno municipal e responsable só o pode ofrecer o Partido Popular con Ángel Moldes.