O PP insiste en que o Goberno Tripartito explique por que non firma con Portos o convenio para a reforma de Raxó

O Partido Popular volve a esixir ao Goberno Tripartito de Poio que explique por que non firma con Portos o convenio para a reforma de Raxó, convenio que leva desde mediados de xullo no concello. Desde entón, Portos de Galicia continúa esperando unha resposta para iniciar o trámite administrativo para contratar a obra da reforma de baixada ao porto, e incluso desde o ente autonómico xa chamaron ata en tres ocasións para coñecer o motivo deste retraso.

Entenden os populares que “si houbera algún problema co convenio, nestes case tres meses que levan co documento no concello xa se terían pronunciado ao respecto”. Pero ademais recorda que “foi consensuado e acordado en varias reunións con colectivos e co propio Tripartito. É máis, o proxecto que é competencia do concello para a rúa Ramón Encinas, que presentaron o domingo, é basicamente unha copia do proxecto da Xunta de Galicia”.

Por iso, ao non haber un motivo aparente para este retraso, desde o PP desconfían que todo forme parte dunha estratexia intencionada para que a obra no porto de Raxó non sexa unha realidade antes que a obra de Ramón Encinas. Recordan, ademais, que a obra de Ramón Encinas sufriu un problema importante na contratación do proxecto con rescisión de contrato incluída.

O PP esixe ao Tripartito que desbloquee a obra para a reforma de Raxó. “Hai case tres meses que o convenio está no concello. Ninguén entende que o Tripartito non asine o documento. Nin asinaron ni dixeron nada sobre o seu contido, e o proxecto está redactado segundo o acordado. É máis, incluso foi copiado polo propio concello para a obra de Ramón Encinas. Polo que a única explicación é que este retraso é totalmente intencionado”.