O PP lamenta que os cambios de última hora no Goberno de Poio atendan a intereses políticos do BNG e non a garantir unha mellor xestión para os veciños

O Partido Popular de Poio quere que o BNG explique aos veciños os cambios de última hora nas delegacións nacionalistas do Goberno a tres bandas, unhas modificacións que parece atender máis a intereses políticos que a garantir unha mellor xestión para os veciños. Uns cambios que para os populares son unha demostración “dun Tripartito esgotado”.

A concelleira Rocío Cochón di que en Poio ninguén entende que a menos de sete meses das eleccións municipais, o BNG faga cambios no propio BNG. “Xa sabemos que non lle gusta que falemos de tres alcaldes, pero é que cada vez queda máis claro que esta é a realidade lamentable do noso concello. Tres alcaldes, tres gobernos e tres orzamentos, nos que cada partido político goberna as súas áreas de forma totalmente independente e interesada pola mañá, mentres que pola tarde se dedican a facer oposición”. Por iso, Cochón volveu preguntar no pleno que se celebrou onte pola noite por que cesan a concelleiros a menos de sete meses de rematar o mandato. “Cometeron un lapsus, en todo momento anunciaron a bombo e platillo unha renovación no seu partido, pero esquecéronse de falar de gobernar mellor para os veciños”.

Neste senso, a popular di que “si non había problemas coas anteriores delegacións e concelleiros, entón quere dicir que é unha decisión que atende exclusivamente a estratexias políticas e intereses electorais, e prefiren poñelos por riba dos intereses dos veciños de Poio”.

Ademais, a concelleira di que “resulta curioso cesar ao concelleiro de Patrimonio para nomear a Marga Caldas, e ao mesmo tempo quen vai a seguir presidindo a comisión de urbanismo é o propio Xulio Barreiro. Non entendemos si existe unha cuestión económica ou falta de confianza de Sobral en Marga Caldas para presidir a comisión”. Recordan que o habitual é que o concelleiro de Patrimonio sexa quen preside a súa comisión, “neste e en todos os concellos”.