O PP pregunta ao Tripartito “a que esperan” para asinar o convenio para a humanización do porto de Raxó

O Partido Popular de Poio denuncia que o Convenio para a humanización do Porto de Raxó segue sen asinar polo Concello despois de seis meses.

O documento, cun investimento de máis de 800.000 euros, foi consensuado nunha reunión entre a Xunta, o Goberno local e colectivos da parroquia o 18 de xullo do ano pasado e remitido inmediatamente ao Concello, polo que leva seis meses agardando pola firma do Goberno local.

O proxecto contempla a remodelación do bordo portuario e a renovación de servizos, “unha gran mellora para os veciños e visitantes de Raxó, para os usuarios do Porto e para a economía de toda a parroquia, paralizada desde hai seis meses polo Tripartito”, lamentou a concelleira popular Tamara González.

González recordou que o Grupo municiapal do PP pediu varias veces explicacións sobre os motivos da falta de firma, e o Tripartito só deu escusas de que o están revisando, pero a verdade é que o documento que chegou en xullo é exactamento o mesmo que está agardado a firma. Por iso, pediulle ao Goberno local que se deixen de escusas e devolvan o convenio firmado para poder iniciar a licitación das obras: “Parece que lles molesta que a Xunta invista en Raxó”.

Segundo explicou a popular, “a sensación que teñen moitos veciños é que o Tripartito estivo a bloquear o convenio mentres eles non podían anunciar o proxecto de Ramón Encinas e así evitar que o proxecto da Xunta fose realidade antes que o do Concello”.

González lamentou que BNG e PSOE/Avante sexa incapaz de colaborar coa administración autonómica nun proxecto histórico, e poñan paus nas rodas de actuacións beneficiosas para a parroquia: “Por moito que queiran confrontar e manipular, a Xunta é a administración que máis inviste en Poio, e o vai seguir facendo».