O PP pregunta onde están os aparcamentos que o Tripartito prometeu na finca de Coca-Cola

O Partido Popular de Poio pregunta ao Tripartito onde están os aparcamentos que prometeu aos veciños na finca de Coca-Cola. O candidato á alcaldía, Ángel Moldes, critica que tanto o socialista Gregorio Agís como o resto de partidos do Goberno levan oito anos prometendo aparcamentos, e que o ano pasado, saíu nos medios de comunicación anunciando que xa contaba cos permisos para construír este aparcamento, pero a realidade é que a día de hoxe todo continúa igual. “Enganou aos veciños”, denuncia, e subliña os problemas de aparcamento que sofren os veciños nas zonas da rúa Valiña, Benigno Esperón e Ferreiros. “Teñen serios problemas para poder estacionar. Son máis de 200 persoas as que residen nesta zona, 200 veciños que están cansados de falsas problemas e de que non se resolvan os seus problemas”.

Moldes recorda que o PP xa denunciou en varias ocasións a falta de aparcamento neste lugar. Unha delas, hai un ano, nunha rolda de prensa, á que o candidato socialista respondeu inmediatamente asegurando que xa contaba con todos os permisos e que en poucos días o estacionamento da finca de Coca-Cola sería unha realidade. “Hoxe, un ano despois, nada cambiou nesa finca. Todo sigue exactamente igual, os veciños continúan cos mesmos problemas e o Tripartito coas mesmas mentiras e falsas promesas de sempre. Demostrouse que non fixeron nada e que, unha vez máis, Gregorio Agís mentiu”.

Por iso, o PP asegura que “tanto PSOE como BNG xa demostraron que non teñen capacidade nin vontade política para resolver este problema. Levan 28 anos gobernando Poio, o que non fixeron en tantos anos, non o van facer agora”. Así, Moldes comprométese a buscar unha solución inmediata, porque crear prazas de aparcamento na finca de Coca-Cola é prioritario. Moitos veciños desespéranse para poder aparcar. É unha situación insoportable en inverno en época de choivas, con molladuras diarias para poder chegar aos seus coches.

Por último, recorda que a única actuación que fixo o Tripartito nos últimos anos foi pintar liñas amarelas e reducir prazas de estacionamento e, como consecuencia disto, aumentaron notablemente as multas.