O PP pregunta si a falta de diálogo e de acordos do Tripartito son os motivos polos que Poio non ten os orzamentos de 2023

O Partido Popular de Poio sinala que a falta de consenso e de acordos son os motivos polos que, a día de hoxe, o Tripartito continúa sen aprobar o orzamento para o ano 2023. O candidato, Ángel Moldes, recorda que “tanto os orzamentos da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra ou do Goberno central xa están aprobados, e precisamente esa era a desculpa que daban os tres alcaldes para xustificar o retraso, que estaban esperando a aprobación das demais administracións”.

Para o popular, “resulta curioso que anuncien xa os concertos de 2023 e que non digan nada do presuposto, que é o documento máis importante para veciños e colectivos, e que marcan a directriz e a xestión do goberno local”. Por iso, entende que hai outros motivos reais que esconden a ausencia deste documento e que pasan pola “falta de diálogo, de acordos e de consenso” entre os diferentes concelleiros. “Xa sabemos que para facer un presuposto ten que existir diálogo e boa comunicación, e non sabemos si ese pode ser un dos motivos de non poder aprobar o documento”. Ademais, recorda que unha das promesas de Avante Poio e Silvia Díaz era aprobar os presupostos en tempo e forma para poder iniciar o ano con partidas suficientes e non ter que esperar a abril para poder ter dispoñibilidade das partidas.

Desde o PP solicitan ao tripartito “transparencia” e “xa que temos un consello de participación veciñal, reclama que o documento pase primeiro polo consello para despois ser aprobado. De que vale facer o contrario, presentalo no consello unha vez que xa está aprobado? Deste xeito non se permite ningún tipo de aportación nin de proposta”.