O PP presenta a súa proposta para potenciar o transporte público en Poio

O Partido Popular presentou esta mañá a súa proposta para potenciar o transporte público en Poio. O obxectivo, explicou o candidato á alcaldía, Ángel Moldes, é potenciar o servizo de taxi e crear unha liña urbana de autobús para facilitar os desprazamentos internos dos veciños.

Esta é a primeira proposta que Moldes fai pública tras lanzar o seu lema “Vamos Poio” ás eleccións municipais de maio. Di que “existen moitas zonas do concello que están incomunicadas e precisan ter un servizo que garanta o desprazamento. Moitos veciños nos transmiten os problemas que teñen para trasladarse ao centro de saúde ou facer unha compra a distintas zonas do concello, e por iso entendemos que o transporte público é o futuro. Necesitamos ter comunicadas as distintas parroquias e facilitar a mobilidade dos veciños”.

Para Ángel Moldes existen tres piares fundamentais para potenciar o transporte público no concello: “necesitamos unha liña estable e periódica na PO-308, hai que cubrir as zonas interiores do concello cunha liña urbana que permita vertebrar e comunicar as distintas parroquias e é preciso potenciar o servicio do taxi no concello”. Recorda que Poio é un concello limítrofe cunha capital de provincia, “e cada día son máis as restricións para entrar nas cidades, polo que potenciar o transporte público será fundamental nun futuro moi próximo”.

Polo tanto, este é o primeiro dos compromisos do popular, “potenciar o transporte público”, si os veciños lle dan a súa confianza para gobernar Poio. “Outros tiveron 27 anos para facelo, non ten moito sentido que veñan agora con promesas. O que non fixeron en máis de dúas décadas non o van facer agora”, engade. Defende que o concello necesita un bo transporte público tanto para veciños, como para potenciar  o turismo e o comercio e, en definitiva, para potenciar un desenvolvemento socioeconómico do noso concello

A intención do PP é facer un primeiro mes de funcionamento, unha serie de probas e consultas para estudiar a demanda real, con horarios e percorridos que teñan usuarios e ofrezan un bo servicio e, unha vez analizados, estabilizar as liñas, as frecuencias e os horarios.