O PP presenta o Roteiro do Río Mouro, unha senda entre A Seca e o Castrove

O Partido Popular de Poio presentou aos veciños o seu proxecto do Roteiro do Río Mouro, no que o candidato á alcaldía, Ángel Moldes, estivo acompañado por Ánxeles Vázquez, responsable de Medio Ambiente do Goberno galego.

O popular explicou que esta proposta inclúese no proxecto Poio sendas, co que pretende crear distintos espacios saudables e sendas verdes en todo o concello. En concreto, co Roteiro de Río Mouro pretende dinamizar toda a parroquia de San Xoán, desde A Seca ata chegar á cima do Castrove. Un percorrido ao carón do río, que é un grande proxecto medioambiental e turístico co que conseguir o desenvolvemento socioeconómico desta zona e dinamizar toda a parroquia. Segundo explicou Moldes aos veciños, é unha aposta clara por desestacionalizar o turismo e atraer visitantes durante todo o ano, o que redundaría directamente nos bares, nos restaurantes, casas rurais, hoteis, pisos turísticos…

A senda conta con diferentes zonas e, nalgún caso, para sortear os desniveis, utilizaranse pasarelas de madeira, cascadas, charcas cristalinas, cañaverais… “Estas son algunhas das singularidades que imos atopar neste Roteiro do Río Mouro. Somos un concello afortunado e podemos ofrecer moitas máis cousas que sol e praia, temos patrimonio, temos verde, cultura…. Debemos aproveitar todo o noso potencial”.

A ruta comezará na Seca, pegada ao mar, e transcorre preto do Mosteiro de Poio ata chegar á parte alta do Castrove, onde se atopa o Bosque de Colón, un bosque de Secoias referente no mundo por toda a súa historia. Moldes asegurou que “é un proxecto moi madurado. Hai catro anos presentamos xa este proxecto e temos moito adiantado”. Así, ademais de agradecer o apoio de Ánxeles Vázquez, explicou que a súa idea é financialo con fondos europeos para sendas verdes en colaboración coa Xunta de Galicia.

Pola súa banda, Ánxeles Vázquez recoñeceu que marcha impresionada e moi contenta da presentación deste proxecto, xa que queda demostrado que é unha proposta de senda verde moi traballada e estudada.