
O Partido Popular de Poio presentou esta mañá aos veciños de Campelo a súa proposta para construír un Centro de Día na antiga gardería. O candidato á alcaldía, Ángel Moldes, que estivo acompañado pola responsable de Política Social do Goberno galego, Fabiola García, destacou que “é un equipamento moi necesario para dar servizo a todos os maiores de Poio, que está nunha zona adecuada, non só ao lado do Centro de Saúde e entre dúas parroquias moi poboadas, senón tamén porque ten un entorno inmellorable”.
Moldes dixo que “esta é a nosa proposta, e si lle gusta aos veciños, e a partir do 28 de maio conseguimos a maioría absoluta que necesitamos para Gobernar, comezaremos a negociar os investimentos do Goberno galego para que sexa un feito no próximo mandato”.
Un proxecto que tamén destacou Fabiola García, que agradeceu ao PP de Poio que “sitúe as políticas sociais e as persoas no centro do seu programa”. Neste senso, destacou que unha antiga instalación, que durante moitos anos tivo un uso para os máis pequenos, agora con esta proposta vaise poder cambiar e darlle un servizo ás persoas maiores. “Entendemos que Galicia se fai maior, e por iso é necesario seguir poñendo a disposición das familias centros e servizos sociais que lle dean eses coidados e atención ás persoas que o necesitan”, destacou. Esta Centro de Día na antiga gardería de Campelo permitirá que ninguén teña que abandonar o seu fogar nin distanciarse das seus seres queridos porque van recibir a atención ao carón das súas casas. “É unha magnífica oportunidade utilizar unha instalación xa existente e tan ben ubicada para prestar este servizo”, engadiu.
Ademais, a responsable de Política Social tamén puxo en valor as medidas do Goberno galego en materia social, como a gratuidade de todas as escolas infantís 0-3 anos que hai en Galicia, incluídas dos centros públicos e privados que hai en Poio. Ademais, con respecto ao Servizo de Axuda no Fogar, e a pesar de ser unha competencia municipal, conta cunha achega moi importante da Xunta de Galicia para poder prestar esa atención ás familias. No que respecta a Poio, máis de 500.000 euros anuais.
Iso si, Fabiola García chamou a atención a que Moldes tamén terá que mellorar a actual xestión do Servizo no Fogar, porque a día de hoxe hai máis de 85 persoas dependentes que están esperando a que o Concello lles preste ese servizo. “Isto é o primeiro que se debe facer, atender toda esa lista de espera, e despois seguir avanzando en novos centros como este”.
Por último, recordou que este ano publicouse unha convocatoria de 18M€ para que os concellos puidesen construír novos centros de servizos sociais, “pero lamentablemente o Concello de Poio non presentou ningunha proposta. Agora este concello terá unha nova oportunidade para avanzar”.