O PP recorda a Marga Caldas que hai 27 anos que gobernan Poio e tiveron ao sector do taxi totalmente esquecido

O Partido Popular recorda a Marga Caldas que hai 27 anos que gobernan no Concello de Poio e, en todo este tempo, tiveron ao sector totalmente esquecido. “Neste tempo os taxistas fixeron propostas para mellorar o servicio e nunca foron contestadas nin postas en marcha polo goberno de Poio en mans do BNG e PSOE”, apunta Ángel Moldes. Por iso, di que “é curioso que en case tres décadas este sector non contou para nada nin para nacionalistas nin para socialistas, e ten que ser, a raíz dunha proposta do PP, cando se acorden da súa importancia para o noso concello”.

Por iso, os populares entenden que a súa proposta xa causou efecto, “conseguimos que, despois de 27 anos, o BNG entenda que o taxi é importante para Poio”. Moldes defende que o proxecto que o PP presentou para potenciar o transporte público “é moi necesario en Poio, ademais de moi demandado polos veciños”. Polas experiencias doutros concellos nos que xa se apostou por este tipo de servizos, sinala que “será moi bo para taxistas, veciños e negocios de Poio. Temos un municipio disperso e necesitamos que existan conexións entre as distintas parroquias para que os veciños fagan vida en Poio”.

Apuntan que concellos como Mos, Vilanova ou Nigrán, gobernados por distintas forzas políticas, ou no Grove, onde a iniciativa partiu dos propios empresarios, hai anos que apostaron por este tipo de transporte e en algún caso tiveron que incrementar o servicio pola gran acollida que teñen. “O que propón o BNG é o mesmo que leva facendo nos últimos 27 anos. Culpar á Xunta para seguir sen facer nada. Pero os populares de Poio buscamos outra alternativa. Propoñer solucións a problemas históricos”.