
O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, presentou este luns un recurso de reposición contra o decreto ditado por Luciano Sobral o 20 de decembro deste mes denegando o acceso dos concelleiros do Grupo Municipal Popular ao borrador do Convenio do Concello co goberno central, entre outros, para a posible ampliación da EDAR de Paxariñas, en Sanxenxo, que daría solución, teoricamente, ao saneamento das parroquias de Poio que carecen de depuración.
O escrito, de dez páxinas -oito delas de fundamentación xurídica-, pide ademais a nulidade do «decreto de alcaldía» ditado por Sobral o 20 de decembro, dez días despois da solicitude de acceso a información do PP, subliñando que a lei establece un prazo de 5 días naturais para resolver estas solicitudes, despois dos cales a solicitude debe entenderse concedida, recordando finalmente que o dereito á información dos concelleiros é un dereito fundamental recollido na Constitución, e a restricción do exercicio deste dereito podería conlevar penas de inhabilitación de 1 a 4 anos.
O pasado 10 de xullo os 3 alcaldes fixeron unha foto, á que non convidaron á Xunta, anunciando que o goberno de Pedro Sánchez tiña resolto de forma definitiva e nun breve prazo os problemas de saneamento en Raxó, chegando a dicir que “Sánchez fora capaz de resolver en meses o que a Xunta de Núñez Feijóo non puidera en anos”, grazas a un inminente convenio coa Sociedade Estatal ACUAES, algo que os populares cualificaron de Timo da Estampita, posto que era «unha foto sen nada detrás» feita exclusivamente con fins electorais.
Posteriormente xurdiron informacións nos medios que certificaban que os 3 alcaldes e o goberno central do PSOE «venderan fume», xa que o borrador do convenio no que se estaba traballando incluía a subida do recibo aos veciños de Poio e Sanxenxo para sufragar as obras, a petición de fondos á Xunta –que non fora invitada á foto- e por último, confirmaba de por parte do goberno de Pedro Sánchez non existían partidas orzamentarias nin crédito algún.
Por este motivo, o voceiro popular Ángel Moldes presentou un escrito o 10 de decembro solicitando acceder ao borrador do Convenio con ACUAES para coñecer o contido de dito borrador e comprobar se eran certas esas informacións, respaldado no dereito constitucional dos membros das Corporacións Locais a todas as informacións e datos necesarios para exercer as súas funcións, e dando o prazo legal de 5 días para que lles facilitasen o acceso e ese documento.
Sorprendentemente, o día 20 de decembro Luciano Sobral asinou un decreto sen precedentes denegando o acceso a ese documento baseándose en que era só un borrador e que xa se lles comunicaría cando fose definitivo, algo, para os populares «moi grave e contrario a dereito por varios motivos», polo que este luns presentaron un escrito pedindo a súa nulidade, un recurso de reposición contra a decisión- e o acceso inmediato ao borrador solicitado.

Moldes explicou que o decreto de Sobral é nulo, en primeiro lugar, porque incumpriu o prazo legal de 5 días: «A lei di claramente que se antes de 5 días o alcalde non dicta ningunha resolución, a solicitude considérase concedida por silencio administrativo, polo que tiñamos que ter acceso a ese documento desde hai dúas semanas, e o decreto do alcalde é claramente nulo».
«Por se iso fose pouco, incluso se respectase os prazos, o goberno municipal non pode denegar o acceso á documentación aos concelleiros se non é por un motivo moi grave, como a protección de dereitos de terceiros, xa que o acceso á información dos concelleiros é un dereito fundamental recollido no Título I da Constitución e, despois de consultar con expertos, estamos convencidos de que denegarnos o o acceso a este expediente é completamente ilegal», explicou Moldes.
Así, o decreto que denega a información incumpre a xurisprudenza do Tribunal Supremo e numerosos preceptos legais sobradamente coñecidos, polo que de forma subsidiaria á nulidade do decreto, os populares presentaron tamén un recurso de reposición que dá a Sobral un mes para reconsiderar esta prohibición, despois do que o PP podería acudir a distintas instancias para obter acceso ao expediente. Neste sentido, os populares recordaron que o exercicio do acceso a información dos Concelleiros, ao ser un dereito fundamental recollido na Constitución, está suxeito a unha protección especial e a súa vulneración está recollida no Código Penal con penas de inhabilitación de 1 a 4 anos.
Moldes recordou que o PP en Poio é a primeira forza política da Corporación, e o partido mais votado nas últimas eleccións con gran diferencia coas demáis formacións políticas: «Temos oito concelleiros que representan maioritariamente aos veciños de Poio e non consentiremos que se atropelen nin os nosos dereitos como edís nin os dereitos dos cidadáns que nos escolleron».

Por outra banda, Moldes dixo non entender o motivo polo que se quere ocultar o contido do borrador do convenio con Acuaes ata o punto de asinar decretos ilegais e fóra de prazo, cando hai apenas quince días Chelo Besada dicía que este convenio «ía solucionar os problemas de saneamento de Poio», e a explicación non pode ser outra que «os tres alcaldes e o goberno en función de Pedro Sánchez teñen moito que agachar».
Finalmente, Moldes recordou que esta actuación é a culminación de seis meses de opacidade e prácticas antidemácraticas por parte de BNG, PSOE e Avante Poio, ainda que pareza imposible, empeoraron as prácticas caciquís de BNG e PSOE dos últimos 25 anos.
O voceiro do PP recordou que nestes meses o goberno local cortou o acceso aos expedientes electrónicos, utilizou prácticas antidemocráticas para evitar o debate en Pleno de varios asuntos incómodos e segue sen implementar, dous anos despois, os acordos para gravar os Plenos, “entre outras cacicadas”
Para Moldes, os 3 alcaldes son responsables: «Nito por asinar decretos ilegais, Chelo por intentar agachar o “timo da Estampita” que quixo vender como solución para o saneamento de Raxó e agora non sabe como ocultar as súas mentiras» e especialmente, Silvia Díaz, concelleira de Transparencia, «que asinou o pacto de perdedores prometendo que traería a rexeneración, a transparencia e a participación ao Concello» pero o que trouxo foi «o goberno máis opaco da historia de Poio» a cambio de manter tres soldos de alcaldes a final de mes.