O PP solicita que si hai algunha administración con interese real no polígono de Fragamoreira, presente formalmente a súa proposta ante a Xunta

O Partido Popular solicitou a través dunha emenda que si existe algunha administración con interese real no polígono de Fragamoreira presente a súa proposta formalmente ante a Xunta de Galicia, co fin de evitar así que estes anuncios queden en meras proclamas electoralistas. Unha emenda á moción de PSOE e Avante que foi aprobada por unanimidade no pleno que se celebrou onte.

A concelleira e voceira do PP de Poio en materia urbanística, Rocío Cochón, criticou durante a súa intervención ao candidato socialista, Gregorio Agís, “por levar dezaseis anos de concelleiro, oito en urbanismo, e espere ao último pleno ordinario do mandato para presentar unha posible solución ao desenvolvemento do polígono de Fragamoreira”. Nesta liña, Cochón cuestionou que “si esta proposta é tan boa, por que non se presentou antes?”. Ademais, a concelleira recordou que o presidente de Zona Franca de Vigo é o secretario xeral do PSOE nesta provincia, e a mesma promesa e foto que fixo en Poio tamén a realizaron na Cañiza, Marín, Caldas, Cuntis, Vilagarcía… “Iso si, sempre acompañados de candidatos socialistas, foron regando a provincia de polígonos industriais”. Dixo que proba delo é que en Poio nin sequera convidaron ao alcalde, Luciano Sobral, ao anuncio.

Rocío Cochón subliñou que os anuncios de Zona Franca e dos socialistas para Fragamoreira non son novos e ata o de agora non fixeron absolutamente nada. “Por que os veciños van crer que desta si vai?”. Así, apuntan que xa en 2021 David Regades e Gregorio Agís xa fixeron unha foto e anunciaron un estudo DAFO sobre Fragamoreira, “e dous anos despois segue sen aparecer por ningún lado e agora veñen cunha proposta milagrosa de última hora”.

O PP entenden que o que PSOE e BNG non fixeron en 28 anos de Goberno non o van facer agora. “Tempo tiveron, e tamén Gregorio Agís, que leva 16 anos no Goberno local e é unha mágoa que non se acordara antes de Fragamoreira”. Ademais, os populares recórdanlle que os veciños “seguen sen auga nin saneamento”.

Por último, Rocío Cochon afirmou que os populares abrazan calquera iniciativa que permita desenvolver o polígono de Fragamoreira, pero din que non van ser cómplices de promesas electorais que enganen aos veciños. “En 2007 xa prometían polígonos… Levan 25 anos prometendo unha piscina… Ese é o motivo polo que presentamos unha emenda, para instar ao Estado ou organismos e institucións interesadas no desenvolvemento do polígono de Fragamoreira a expresar formalmente o seu interese en asumir as funcións que o convenio actual atribúe ao IGVS e levar a cabo o desenvolvemento do Polígono”.