O socavón no Muíño e outros incidentes recentes como o mellor exemplo de que os gobernos de BNG e PSOE son un perigo

A concelleira do PP de Poio Rocío Cochón visitou esta mañá o lugar da Ponte dos Demos, no Muíño, onde esta noite se produciu un socavón na estrada provincial EP-0603, que permanece cortada e puxo este e outros incidentes en vías municipais e outras xestionadas polo Bipartito BNG-PSOE como exemplos de que os Gobernos de socialistas e nacionalistas “son un perigo”.

Cochón celebrou que, pese a que quen deu a alerta foi un conductor que meteu a roda no burato, “non houbera que lamentar danos persoais”. A popular recordou que a menos de 2,5 km deste punto hai apenas dous meses, tamén se veu abaixo un treito da estrada provincial EP-0017, entre o Vao e Campañó, envorcando un coche que a transitaba: “Evidentemente, ninguén está libre de que suceda un incidente coma este, pero é moita casualidade que suceda dúas veces en dous meses a tan pouca distancia e nos dous casos o responsable da estrada sexa Gregorio Agís dentro dun Goberno de coalición BNG-PSOE”.

A popular recordou que, ademais, neste caso dase a circunstancia de que recentemente, e xusto nese punto esa estrada foi obxecto de obras por parte da Deputación, supervisadas varias veces polo concelleiro e deputado Gregorio Agís e polo tamén socialista Julio Casás “e nin detectaron os posibles problemas do firme, nin afrontaron outros problemas de seguridade como a falta dunha varanda na citada Ponte”. Cómpre recordar que os veciños veñen advertindo de que a estrada estaba afundindo progresivamente e hai unha semana un coche caeu á ponte nun lugar onde desde hai moito tempo vénse solicitando unha varanda.

Ademais, a popular indicou o completo fracaso dos concelleiros do PSOE a nivel local, con numerosas obras e traballos con irregularidades económicas e de execución, viais municipais con graves problemas de seguridade viaria, como o Camiño do Rego, en Raxó; o Camiño do Souto, en Combarro, e tantos e tantos outros.

“Nestes catro anos dedicáronse a criticar a outras administracións como a Xunta, que si inviste en seguridade vial e mobilidade, con máis de 8 millóns dedicados a mellorar a PO-308”, recalcou Cochón: “Se en vez de dedicarse a confrontar con administracións que si traballan, BNG e PSOE se dedicaran a traballar, mellor nos iría a todos”.

Necesitamos urxentemente un Goberno unido, único e serio con Ángel Moldes á cabeza que se dedique a traballar para mellorar os servizos e as infraestruturas no Concello, a colaborar con todas as administracións para beneficiar aos veciños de Poio e facer feitos e realidades durante todos os días de todos os anos, e non fume cando se acercan as eleccións, recalcou Cochón: “Cando se xuntan BNG e PSOE todo o que tocan acaba en chapuza”