O Tripartito volveu subirlle o IBI a centos de veciños ás agachadas

O voceiro do PP, Ángel Moldes, denunciou este domingo que o Triparito está volvendo subir o IBI a centos de veciños “ás agachadas”, enviando unha nova remesa de recibos con subidas considerables a moitos fogares.

Os populares puideron comprobar, a través de documentos enviados por distintos veciños, importes con subidas de 40, 70 e mesmo 110 euros e incrementos de máis do 25%. Moldes advertiu á veciñanza que revisen os recibos do IBI para comprobar se lle subiron con respecto a anos anteriores e saber se son algúns dos ‘afortunados’ que van pagar máis en 2022”.

En opinión do voceiro popular, resulta moi sospeitoso que o ano pasado centos de familias recibiran un incremento do IBI e este ano sexan outras distintas as que están recollendo os avisos do ORAL con subidas: “Todo parece unha estratexia deliberada do Tripartito, que en lugar de cobrarlle a subida a todos ao mesmo tempo, cada ano fan unha remesa cunha subida a centos de veciños”.

Para Moldes, “o único que queda claro é que desde que chegou o Tripartito subiron todos os impostos en Poio, con subidas repartidas en varios anos, estratexias, trucos… o que faga falta con tal de que os veciños paguen máis”.