O Tripartito vota unha vez máis en contra dos veciños de Poio que traballan en Ence

O Partido Popular de Poio lamenta que o Goberno Tripartito votase, unha vez máis, en contra dos veciños de Poio que traballan en Ence, ao rexeitar unha moción que pedía exclusivamente apoiar a manifestación que organizan os traballadores este venres para defender os seus postos de traballo.

“Son centos os veciños de Poio que directa ou indirectamente traballan en ENCE e, tal e como lles recordou onte un representante dos traballadores, que é veciño de Poio, viven nunha incerteza continua. Non saben onde matricular aos seus fillos, non poden facer investimentos nas súas casas, non poden pensar nin sequera nun futuro inmediato porque descoñecen que vai pasar cos seus traballos”, sinala o voceiro popular Ángel Moldes.

Por iso, critica que “os tres alcaldes perderon a oportunidade de demostrar que os problemas dos seus veciños son máis importantes que as directrices marcadas polos seus partidos”. Di que “mentres noutros lugares de España ou Galicia o normal e habitual é ver aos alcaldes saír á rúa para defender os postos de traballo dos seus veciños, en Poio votan para pedir que os perdan”.

Desde o PP, Ángel Moldes, volve a mostrar o seu apoio os traballadores de ENCE e confirma a súa asistencia á manifestación deste venres. “Non queremos que se repita a mesma historia que sufriron varios veciños que traballaban en ELNOSA e quedaron sen traballo e tiveron que marchar para outras comunidades. Existen moitos empregados da factoría que viven no noso concello, que traballan directa ou indirectamente. Autónomos que son contratados como empresas auxiliares, e mesmo cando se realiza a parada son moitos os hoteis e restaurantes que colgan o cartel de completo. Por iso non ten moita explicación que o Tripartito vaia en contra dos intereses dos seus propios veciños”.