O PP pide a retirada da reforma do regulamento de Costas

O Partido Popular de Poio presentou este luns unha moción para que o pleno municipal inste ao goberno central a retirar a modificación do Regulamento Xeral de Costas impulsada polo Ministerio de Transición Ecolóxica e que está a causar unha seria preocupación en sectores empresariais e amplas capas da cidadanía.

A concelleira popular Rocío Cochón, promotora da moción, explicou que o goberno central está a impulsar unha modificación «pola porta de atrás» do Regulamento Xeral de Costas de 2014 que contravén a propia Lei de Costas que desenvolve e que ademais crea unha grave inseguridade xurídica.

Cochón explicou ademais que a reforma é «unha chapuza» coa que o goberno de Pedro Sánchez busca xustificar «á présa e correndo» a súa actuación irregular ao achantarse ante os recursos pola prórroga de Ence, pero que agora «xa está causando moitos problemas e preocupacións en toda Galicia e máis aínda nun concello como Poio, con case 15 quilómetros de litoral e cunha importancia decisiva do mar na vida social e económica do Concello.

A concelleira popular recordou que empresarios individuais e organizacións empresariais xa alzaron a voz e trasladaron a súa preocupación pola proposta: «En primeiro lugar, o novo regulamento recorta de forma radical a duración das concesións e crea unha inseguridade xurídica brutal, porque é tan ambiguo que ao final ninguén sabe como afectaría a cada actividade, e quedaría ao capricho do goberno que concesións se manteñen e cales non».

Cochón subliñou que a proposta introduce condicións para recortar os prazos das concesións como “ter un impacto paisaxístico negativo” ou que a actividade “se poida realizar fóra do litoral”, o que que na práctica introduce unha grave inseguridade xurídica. Só en Poio, a norma podería afectar negativamente a conserveiras, bateas, depuradoras de marisco, poñendo en perigo centos de empregos e millóns de euros de facturación.

Pero o impacto negativo pola inseguridade xurídica xa se está sentindo na economía e no emprego, xa que as empresas posibles afectadas pola chapuza perpetrada polo PSOE teñen expansións e contratacións paralizadas, xa que «como queren que fagan investimentos ou creen postos de traballo se logo van quedar sen concesión?».

Cochón fixo un paralelismo entre a inseguridade xurídica xerada por esta reforma e o que pasa en Poio, onde polas chapuzas urbanísticas dos últimos anos e a incapacidade do goberno local para sacar adiante o novo PXOM, «estanse a perder moitísimas oportunidades para crear emprego e actividade económica» e subliñou que «o PSOE e os seus aliados son igual de chapuzas e de nocivos para a economía gobernen onde gobernen».

Entre outras irregularidades, explicou Cochón, esta modificación quérese facer pola vía de urxencia e dando á Xunta de Galicia só 7 días hábiles para presentación de alegacións; e rebaixando a 10 días naturais o prazo de exposición pública, fronte aos 15 días hábiles que establece a lei. en resumo, acortando significativamente os trámites para que os interesados poidan intervir nun procedemento que afecta a tantas empresas e postos de traballo.

A concelleira popular apuntou que pese a todo, a Xunta de Galicia presentou alegacións neste tempo récord, pedindo que se manteñan os mesmos criterios e condicións que se tiveron en conta para a concesión de ocupación do dominio público, posto que estamos a falar de empresas que cumpren coa lei, e respectan as autorizacións ambientais.

«En definitiva, estamos ante un cambio xurídico arbitrario que vai contra a Lei de Costas de 2013, que prexudica a economía e ao modo de vida de moitísimos veciños de Poio, e que se fixo únicamente para xustificar uns feitos consumados que tamén poñen en perigo miles de postos de traballo na ría de Pontevedra», lamentou Cochón: «Matan moscas a canonazos e dalles igual quen saia prexudicado».

 

MOCIÓN DO PARTIDO POPULAR E REUNIÓNS INFORMATIVAS CO SECTOR

Por este motivo, o PP anunciou a presentación dunha moción para que o Concello de Poio inste ao goberno central a retirar a reforma e garantir que calquera modificación deste regulamento se fará polos cauces legais e coa participación do sector e garantindo uns prazos axeitados para que os interesados poidan presentar alegacións e defender os seus  intereses.

Ante a inseguridade xurídica provocada pola iniciativa, a moción do PP solicita tamén que se faga un informe exhaustivo de que concesións se verían afectada pola reforma no Concello de Poio, e por último os populares pedirán que o Pleno municipal amose o seu apoio aos traballadores de Poio cuxa continuidade se vería posta en perigo, así como a todos os potenciais afectados por esta actuación.

Ademais, Cochón anunciou unha quenda de reunións informativas co sector para explicarlles «como poderían verse prexudicados por esta chapuza do goberno de Sánchez, unha manobra desleal, opaca e feita sen contar con ninguén» e subliñou que o PP «Non vai permitir que o Goberno de Sánchez queira pasar por riba dos veciños e as veciñas de Poio e de miles de galegos e galegas».

Podes consultar a moción aquí: MOCIÓN-REGULAMENTO-XERAL-COSTAS-DECEMBRO-2019

3 comentarios