Rocío Cochón: «Os 3 Alcaldes son os peores inimigos da mobilidade na PO-308 e en todo Poio»

A concelleira do PP de Poio, Rocío Cochón, lamentou esta mañá a actitude dos 3 Alcaldes en relación á reanudación, por parte da Xunta de Galicia, de distintas actuacións na PO-308, co único obxectivo de “montar trifulca política” para disimular a falta de xestión do goberno tripartito de BNG, PSOE e Avante Poio.

Cochón enmarcou dentro desta actitude o anuncio, por parte do tripartito, da presentación dun escrito para solicitar “medidas que faciliten a mobilidade dos peóns na PO-308”, a raíz da ubicación de unha das sete novas marquesiñas que colocou a Xunta entre O Covelo e Raxó, polas obras de mellora da seguridade vial.

A popular pediu «un pouco de coherencia» ao goberno local, e reprochou que este «non contribúe, non revisa os proxectos, non cumpre a súa parte e non sabe facer outra cousa que montar trifulca» contra a Xunta. Cochón subliñou que a administración autonómica é a única «que cumpre con Poio, e máis aínda durante esta crise sanitaria».

Cochón recordou que a Xunta está a investir no tramo entre O Covelo e Raxó en torno a 5 millóns de euros, con sendas peonís e ciclistas, ubicación de marquesiñas, renovación da sinalización, ademais doutras obras que se reanudaron durante o estado de emerxencia, como as obras na PO-309 en Portosanto ou a instalación do semáforo de Chancelas. Así mesmo, a Xunta xa está traballando para licitar o resto das sendas, entre Fontenla e Samieira, e os 3 Alcaldes en vez de colaborar, aproveitan calquera excusa para buscar un conflito.

«Noutros concellos os alcaldes preocúpanse de buscar ubicacións para o mobiliario urbano, en Poio temos 3 Alcaldes e nin iso son capaces de facer», lamentou Cochón, que subliñou ademais que isto o fai un goberno local «que é o maior inimigo da mobilidade, non só na PO-308, senón en todo Poio».

Cochón puxo de exemplo a ubicación dos contedores, que corresponde exclusivamente ao Concello, e que suscita numerosas queixas por parte da veciñanza: «Algúns contedores desapareceron ante a falla de ubicación do Concello e outros colocáronse enriba das propia sendas impedindo que poidan pasar as persoas, especialmente con carriños de bebé, cadeira de rodas, etc». Cochón achegou varias fotografías de contedores colocados de forma irregular neste tramo, e resaltou que «Non entendemos as queixas do Concello cando eles son os principais obstaculizadores da accesibilidade na PO 308 e os que máis a incumpren».

Ademais, recordou a falta absoluta de compromiso coa mobilidade dos 3 Alcaldes, que continúa 25 anos de abandono en numerosos lugares de Poio. «A mobilidade e a accesibilidade en Poio suspenden o exame máis básico ou a falta de accesibilidade nos camiños escolares que o PP denunciou en numerosas ocasións.

Por ese motivo, e ante o comezo do desconfinamento progresivo e ante o anuncio de que as clases xa non se reanudarán ata o próximo curso escolar, o PP levará mañá á Xunta de portavoces unha petición de que o Concello se poña inmediatamente a facer as melloras necesarias nos distintos puntos do Concello que o requiran, incluída a colocación de colectores e distintas actuacións.

Finalmente, Cochón advertiu aos 3 Alcaldes que colaboren coa Xunta nos investimentos que fai esta administración e «se se acordan a posteriori de facer suxestións para mellorar a mobilidade, benvidas sexan», pero non busquen o conflito permanente coa administración que máis inviste en Poio: «E se non son capaces de asumir as súas responsabilidades e facer o seu traballo, non é culpa dos demais».