
O concelleiro do Partido Popular, Sergio Pereira, acaba de presentar a súa renuncia por motivos laborais e persoais, e será substituído na corporación municipal por Tamara González Oubiña, de 33 anos e veciña de Raxó.
Sergio Pereira, que xa hai meses comunicara aos seus compañeiros que non ía participar na candidatura ás próximas eleccións locais ao non poder dedicar o tempo que lle gustaría e necesita a política municipal, adianta a súa marcha porque unha nova oportunidade laboral e o cambio de residencia que implica fan incompatible a súa permanencia na política local. Con todo, Pereira quere agradecer a oportunidade que lle brindou o partido e o apoio dos seus compañeiros, en especial do presidente local Ángel Moldes.
“Foi un pracer traballar ao lado dos meus compañeiros, aprendín o significado da verdadeira política, un traballo constante, intenso e con centos de horas de dedicación. Non é fácil estar na oposición e manter o nivel de compromiso e constancia que teñen os meus compañeiros con Poio. Merecen que os veciños lle dean esa maioría absoluta e a oportunidade de Gobernar”. Desde o PP de Poio, Ángel Moldes agradece o traballo realizado por Sergio Pereira e deséxalle os mellores dos éxitos tanto na súa vida persoal como profesional.
Coa renuncia de Sergio Pereira, a lista móvese e entra na corporación Tamara González Oubiña, número 9 nas pasadas eleccións municipais. Afronta con moita ilusión este final de mandato, e amosa o seu compromiso para traballar xunto aos seus compañeiros de xeito incansable. A súa incorporación ao grupo municipal no tempo que resta ata as eleccións non será un problema para afrontar as dinámicas de traballo xa que, como explican, os concelleiros reúnense semanalmente coa xunta local do partido, do que Tamara forma parte e, polo tanto, coñece de primeira man os problemas de Poio.