
Un informe elaborado pola Policía Local de Poio confirma que as denuncias do Partido Popular, advertindo hai dous meses que un dos aparcamentos disuasorios do Concello de Poio, concretamente no camiño das Bocas, estivo pechado con carteis de propiedade privada.
“O documento non só confirma que o PP dixo a verdade, senón tamén demostra que Gregorio Agís mentiu descaradamente a todos os veciños”, denuncia Ángel Moldes, candidato á alcaldía polo Partido Popular. É máis, recorda que o socialista tamén lle dedicou un post acusándoo literalmente, de facer oposición sen ningún tipo de escrúpulos, entre outros insultos. “Non espero que pidan perdón nin pidan desculpas, pero a satisfacción de demostrar a verdade é inmensa”, sinala Moldes.
Ademais, denuncian que o Goberno dos tres alcaldes intentou impedir que o informe se remitise ao Partido Popular, “conscientes da súa mentira”. Recordan os populares que presentaron escritos, fixeron preguntas en varias comisións informativas e en dous plenos “e despois de ter o informe retido un mes, só apareceu cando advertimos que iríamos ao xulgado”.
Moldes recorda que o PP atopouse coas denuncias de que o párking disuasorio estaba pechado en febreiro, mentres realizaban unha rolda de prensa para denunciar a fuga de auga e o abandono da contorna do Pazo Besada. “Foi nese momento cando se achegou unha traballadora do antigo sanatorio da Merced para informarnos que non puideron aparcar nesa finca do camiño de Bocas porque estaba pechada con vallas. E ao buscar respostas a este problema atopámonos con que, incluso, foi requirida a presencia da Policía Local. E por iso denunciamos a situación publicamente, porque comprobamos que todo era certo. E en lugar de atopar respostas e explicacións, o que recibimos por parte do PSOE de Poio foron insultos e mentiras.