
O PP de Poio lamentou este sábado o abandono absoluto da parroquia de San Xoán, a máis extensa do municipio, por parte dos 3 alcaldes, que se esqueceron desta parroquia nos orzamentos municipais para 2020, un olvido que se reflicte, segundo a concelleira Rocío Cochón, «na incapacidade total de Nito, Chelo e Silvia de solucionar os problemas dos veciños de San Xoán».
Cochón lamentou que de todas as promesas que realizaron BNG, PSOE e Avante Poio nos últimos anos, e especialmente durante a campaña electoral de maio ou cando anunciaron o pacto de goberno, referidas á parroquia «non están a cumprir nin unha».
Así, Cochón lamentou que desde o “pacto de perdedores” que deu inicio ao novo goberno en xullo, os 3 alcaldes «non atenderon as necesidades dos veciños dos distintos núcleos da parroquia» e tampouco consignaron ningún dos investimentos prometidos nos Orzamentos para 2020, polo que «non fixeron nada en 2019 e xa deixaron por escrito que non farán nada en 2020».
A popular subliñou que os presupostos para 2020 non recollen ningún dos proxectos moi demandados a realizar na parroquia, como a piscina municipal ou un novo pavillón, e tampouco a compra de terreos para un novo Centro de Saúde, que os propios membros do goberno insinuaban que podería estar situado en San Xoán, nin a ampliación do cemiterio municipal que levan anos prometendo. Ademais, Cochón denunciou que a punto de entrar nunha nova década, non hai unha soa partida nin indicios de que se vaia traballar en levar a auga e o saneamento a núcleos que carecen destes servizos esenciais como Fragamoreira ou Vilariño: «Debería darlles vergoña esta situación despois de 25 anos gobernando e a piques de entrar no 2020».
Cochón lamentou a incapacidade do goberno local de atender as necesidades dos veciños de San Xoán, unha parroquia con necesidades particulares dada a súa gran extensión -é tan extenso como o resto de parroquias xuntas- e que a súa poboación vive en núcleos dispersos, o que require investimentos e unha atención específica «que este goberno é incapaz de facer nin sequera con 3 alcaldes».
Por todo isto, Cochón subliñou o compromiso do Partido Popular de seguir traballando polos veciños de San Xoán, coa confianza de ser a opción máis votada en toda a parroquia con moita diferencia en todos os comicios, e ter o candidato, Ángel Moldes, e o proxecto preferido pola veciñanza. Un respaldo que os concelleiros do PP intentan agradecer día a día con traballo: «Pateamos a parroquia falando cos veciños e intentando coñecer e solucionar os seus problemas, algo que o goberno é incapaz de facer, nin sequera sendo 3 alcaldes».
Cochón lamentou a desconexión absoluta de Nito, Chelo e Silvia da veciñanza: «Non sabemos se é como castigo polos resultados electorais ou é simplemente que a súa única prioridade é cobrar as nóminas e todo o demais é secundario», pero garantiu que os veciños de San Xoán seguirán tendo a quen mire pola parroquia: «o equipo do Partido Popular de Poio»